Unha vintena de efectivos da Brilat chegan á Marín para o operativo especial de hoxe

A alcaldesa, María Ramallo, agradeceu ao corpo militar a súa labor de reforzo, “coa que poderemos aumentar as liñas de traballo para evitar que se dean situacións de incumprimento” das medidas de confinamento
Durante o día de hoxe, a vila marinense contará cunha vintena de efectivos da Brilat que, coordinados coa Policía Local e a Nacional, garantirán que se cumpra de maneira efectiva o confinamento por parte da veciñanza de Marín, nun operativo especial de vixilancia que durará toda a xornada.
Á chegada dos efectivos á vila, levouse a cabo unha reunión de coordinación entre a alcaldesa, María Ramallo; o xefe da comisaría da Policía Nacional, Esteban Pinilla; o xefe da Policía Local, Benigno Blanco e o responsable do operativo da Brilat, en representación dos 20 axentes que realizarán as labores de control e supervisión na vila durante o día de hoxe.
Neste encontro de traballo, os tres corpos coordinaron o seu despregamento en todo o termo municipal, repartindo efectivos entre o casco urbano e as diversas parroquias, dado que haberá presencia policial e militar en todos os puntos da vila. Tamén se trazou a estratexia de control de entradas e saídas da localidade.
Ramallo quixo “agradecer profundamente a axuda que supón este reforzo por parte da Brilat”, que permitirá “que aumentemos as posibles liñas de traballo e intensifiquemos o control, de tal maneira que garantamos o cumprimento estrito do confinamento, que é primordial para loitar contra o coronavirus”.
A alcaldesa tamén quixo agradecer aos corpos de seguridade local toda a súa implicación e entrega “nestes días duros de traballo”.
Normas do que NON SE PODE facer
1.- Non se pode pasear ao mesmo can por parte de varios membros da familia, como escusa para poder saír.
2.- Non se poden realizar festas nas casa, especialmente durante a noite.
3.- Non se pode quedar cos amigos, nin tan sequera nos portais ou portas das vivendas.
4.- Non se poden realizar desprazamentos nin desde outros concellos limítrofes nun dunhas partes a outras da localidade, a non ser que sexan verdadeiramente imprescindibles.
5.- Non se pode pasear polo Lago Castiñeiras
6.- Non se pode ir permanentemente ao supermercado, todos os días a por cousas prescindibles, nin realizar compras pequenas. Os desprazamentos deben ser os mínimos, organizando a compra. É unha queixa reiterada por parte dos e das traballadoras dos supermercados, que están a arriscar a súa saúde para poder manter en funcionamento unha actividade esencial, que non debe converterse nunha escusa.
Normas que SÍ HAI QUE CUMPRIR
1.- Hai que gardar as medidas de seguridade, prevención e hixiene, mantendo as distancias mínimas nos supermercados.
2.- Facer caso das recomendacións dos empregados e das empregadas que están a traballar en todos os establecementos.
3.- No rural, pódese plantar ou cultivar nas fincas privadas que teñen as propias vivendas, pero non se poden facer reunións nin concentrarse.
A limpeza continúa nas principais vías urbanas
Por outra banda, a desinfección e o chorreo continúa nas rúas marinenses, poñendo especial atención naqueles lugares onde pode haber maior contacto ou tránsito de persoas para realizar os movementos permitidos dentro das medidas contempladas no estado de alarma. De tal xeito, estes traballos de limpeza leváronse a cabo esta mañá nas inmediacións de Correos, a Policía Nacional ou o Mercado de Abastos, tanto de Marín como de Seixo, entre outros puntos máis de risco, como a contorna da Residencia da terceira idade.
Os operarios da brigada municipal están a traballar por quendas e cumprindo con todas as medidas de prevención e hixiene. Ademais, varias empresas de limpeza están a colaborar co Concello de maneira desinteresada para reforzar esta labor tan necesaria.