2.000 tarros de mel para o Banco de Alimentos de Lugo

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que tamén se cederon estes días queixos, patacas ou carne á sede de Cáritas en Lugo para atender ás familias máis vulnerables durante a emerxencia sanitaria

A Consellería do Medio Rural entrega hoxe ao Banco de Alimentos de Lugo un total de 2.000 tarros de mel comprados ao abeiro da rede Mercaproximidade para abastecer ás familias máis vulnerables durante a situación de emerxencia sanitaria por mor do coronavirus.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta doazón súmase aos 2.000 queixos que xa lle entregou o Goberno galego á entidade luguesa este martes, e ás 100 toneladas de patacas que lle cedeu a semana pasada para distribuír nas sedes de Cáritas de toda España. A esta cantidade hai que engadir, ademais, outras 30 toneladas de tubérculo cedidas de xeito desinteresado por un produtor da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal).

Balseiro sinalou tamén que a Administración galega distribuíu durante esta semana diversos produtos agroalimentarios no hospital Lucus Augusti, no de Monforte de Lemos e no da Mariña, así como na sede de Cáritas en Lugo, para atender os colectivos máis desfavorecidos durante o estado de alarma. En concreto, doáronselles tarros de mel, queixos e patacas, ademais de carne de tenreira, cordeiro e porco celta.

As doazóns non cesan e continuarán durante as próximas semanas, destacou Balseiro. Tamén subliñou que a maiores, o Goberno galego está a distribuír distintos produtos agrogandeiros por varias cociñas económicas e entidades sociais da comunidade, co obxectivo de proporcionar alimentación de calidade ás familias que presentan máis necesidades.

A rede Mercaproximidade, a canle alternativa de comercialización concibida para os produtores e industrias afectados polo peche da hostalaría e os mercados municipais, contempla de xeito excepcional que a Xunta compre produtos agroalimentarios con fins sociais. Un xeito de, por unha parte, contribuír ás economías dos agricultores e gandeiros galegos, e por outra, asegurar o aprovisionamento de todas as familias con plenas garantías.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.