A alcaldesa de Marín da conta das últimas medidas adoptadas referintes ao Covid-19

A proposta conxunta de todos os portavoces, acordouse que se destinarán os importes económicos non percibidos pola Corporación a reforzar as partidas sociais máis importantes

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, convocou por vía telemática este mediodía aos portavoces dos grupos políticos que conforman a Corporación marinense a unha Xunta de Portavoces para dar conta sobre o protocolo de acción local contra o coronavirus que está a levar a cabo o Concello e analizar as necesidades de tomar novas medidas tanto sociais como económicas para tratar de paliar as consecuencias que acarrea a crise sanitaria.

A xunta contou así coa participación, ademais da alcaldesa, do portavoz do Partido Popular, Manuel Santos; do portavoz do Partido Socialista, Manuel Pazos, e da portavoz do BNG, Lucía Santos.

Unha das informacións das que se deu conta na Xunta foi a posta en marcha das probas PCR ao persoal que traballa na Residencia da Terceira, que deron todas negativas.

Por outra banda, tratouse a cuestión da dotación de material de protección, imprescindible para poder cumprir coas medidas de prevención de contaxios, básicas nesta loita contra a Covid19.

A alcaldesa asegurou que tanto a Policía Local, “coa que mantemos reunións de coordinación diarias” como a Policía Nacional, o Centro de Saúde e todos os servizos públicos esenciais que seguen en funcionamento contan con todo o material necesario para protexer ao persoal.

Ademais do material propio co que se contaba, recibíronse catro envíos por parte da Xunta de Galicia para reforzar as dotacións.

Un importante plan de acción social

A nivel social, unha das novas medidas que se tomou durante as últimas semanas foi a posta en marcha de bonos de axuda, en coordinación co departamento de Servizos Sociais, para as familias máis desfavorecidas da vila, cos que axudar á adquisición de produtos alimenticios.

Por outra banda, tanto as ONGs como o comedor social segue a pleno rendemento, “polo que temos que agradecer profundamente o labor voluntario que están a realizar todos os seus membros nestes momentos”, declarou Ramallo.

Segundo as cifras expostas na Xunta de Portavoces, no Comedor Social están a despacharse 90 racións de comida para levar, ademais doutras 40 que se reparten a domicilio, cumprindo con todas as medidas de prevención e hixiene.

No que respecta ao resto de organizacións sen ánimo de lucro, están centrando a súa axuda na subministración de produtos non perecedoiros a un total de 400 familias. Asemade, estanse resolvendo as subvencións nominativas para que todas estas entidades sociais poidan contar con elas.

Como xa se comentou noutras reunións, o Servizo de Axuda no Fogar segue tamén funcionando ao cen por cen, dándose de alta a sete novos usuarios durante estes días, que se suman aos máis de 80 que xa viñan sendo atendidos con anterioridade.

Ademais, segue avanzando a teleasistencia ás persoas máis vellas, para saber da súa situación, por se precisan algún tipo de axuda, que lles é prestada polos voluntarios de Protección Civil, en coordinación co Concello. Ao inicio desta medida contactábase co smaiores de 80 anos, pero na última semana as chamadas ampliáronse até a partir dos 75.

En total, segundo as cifras que manexa a Concellaría de Benestar Social contactouse con case 1.000 veciños e veciñas, cerca de 30 dos cales manifestaron precisar axuda puntual.

Finalmente, e a proposta conxunta de todos os portavoces, acordouse que se destinarán os importes económicos non percibidos polos membros da Corporación a incrementar aquelas partidas que se consideren máis necesarias dentro da área de Servizos Sociais.

Seguen os batallóns de limpeza

Os traballos de desinfección e limpeza das rúas de todo o municipio seguen o seu curso, coa participación doas brigadas de limpeza, que traballan por quendas; de Protección Civil e das empresas que, solidariamente, aportan o seu grao de área.

Ese é o caso de Servisub, que axudou na desinfección dos vehículos oficiais de limpeza e da Policía Local cun canón de ozono.

As zonas nas que se incide de maneira específica na limpeza son as entradas ao Centro de Saúde, da residencia da terceira idade, dos supermercados, farmacias e dos Mercados de Marín e de Seixo, así como tamén nas entidades bancarias.

Obra pública

Se todo segue como até agora, a actividade da construción volverá a partir do próximo luns e, polo tanto, retomaranse aquelas obras que estaban a executarse desde o Concello, como a II fase da humanización de Concepción Arenal ou a renovación das bombas hidráulicas do colector da Goleta, en Aguete.

A Xunta de Portavoces volverá celebrarse a próxima semana, tamén telemáticamente.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diez − 8 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.