A ciencia planta cara ao COVID-19

Equipos do CIQUS e do CIMUS traballan na definición de diversas liñas de investigación sobre a prevención futura da enfermidade a través de vacinas; o desenvolvemento de novas formas de diagnose; así como de novas terapias e a optimización da súa administración

A prevención futura da enfermidade, a través de vacinas; o desenvolvemento de novas forma de diagnose, con test serolóxicos específicos; e o desenvolvemento de novas terapias, por medio de fármacos antivirais e a optimización da súa administración con maior eficacia e menor toxicidade, son tres das liñas nas que actualmente traballan investigadores da USC a través dos laboratorios do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) e do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS).

Vacinas

O investigador José Martínez Costas, do CiQUS, acaba de obter financiamento do Instituto de Saúde Carlos III para o desenvolvemento dunha vacina fronte COVID-19 en base a unha nova metodoloxía patentada na USC que permite resultados en marxes de tempo reducidos e a baixo custo. Como explica o doutor Martínez Costas, a metodoloxía a partir da que se traballará é válida fronte contra calquera patóxeno. “Facemos que células de calquera orixe fabriquen microesferas e introduzan dentro delas os antíxenos víricos” explica Martínez Costas. Estas partículas “purifícanse moi facilmente e teñen capacidade intrínseca para estimular ao sistema inmune, o que as converte en ideais como vacinas para o coronavirus, doenza que afecta principalmente a persoas de idade avanzada cuxo sistema inmune sole estar debilitado”, engade o investigador.

O equipo do CiQUS traballará na produción da vacina mentres que o ensaio en animais levarao a cabo outro equipo do Centro de Investigación en Sanidade Animal de Valdeolmos (Madrid). Se se comproba que a estratexia achega resultados positivos, o equipo buscará financiamento adicional para iniciar ensaios clínicos. Se ben resulta moi complexo determinar un prazo de tempo definitivo para dispor dunha vacina efectiva, a metodoloxía desenvolvida na USC permite obter resultados preliminares sobre a efectividade do composto nun prazo inferior a procedementos convencionais. A formulación inicial podería estar dispoñible nun prazo que oscila entre 2 e 3 semanas, como explica o investigador, non obstante o desenvolvemento dunha vacina é un proceso complexo e longo no que se debe combinar efectividade e seguridade. A metodoloxía de Martínez Costas agora financiada para a súa aplicación fronte COVID-19 xa foi probada de xeito satisfactorio fronte outros dous virus.

Tamén arredor do desenvolvemento de vacinas, o grupo de María José Alonso está implicado nun equipo que traballa na avaliación de estudos preclínicos para unha nova vacina contra o SARS-CoV2 capaz de inducir respostas inmunitarias de longa duración fronte o virus. Este equipo intégrano persoal investigador de IDIBAPS, do National Center for Biotechnology, do Barcelona Supercomputing Center e de IRSICAIXA co financiamento do Departamento de Saúde da Generalitat de Catalunya. Este grupo propón o deseño dunha vacina baseada en ARNm (ácido ribonucleico mensaxeiro) do virus. En opinión dos investigadores é unha “alternativa prometedora fronte vacinas convencionais polo seu gran potencial, rápido desenvolvemento, fabricación a baixo custo e administración segura”. O equipo da USC terá como misión o desenvolvemento de vehículos (que simulan virus artificiais) para a protección e transporte do RNAm á célula diana.

Diagnose e seguimento de doentes

A diagnose e seguimento de enfermos de COVID-19 son outras das liñas de investigación nas que actualmente profundan equipos da Universidade de Santiago. No primeiro caso, o profesor Jesús Rodríguez Requena está implicado nun proceso de desenvolvemento de novos test para a diagnose e identificación fiables e rápida de pacientes seropositivos. Na investigación tamén participan grupos do CSIC.

No ámbito do seguimento de pacientes, o investigador José M. Castro Tubío céntrase na identificación a evolución da infección por coronavirus, especialmente no relacionado coa aparición de novas mutacións. Nunha primeira fase desta liña de traballo, o grupo dedicarase ao desenvolvemento dun método de xenotipado destes virus mediante a tecnoloxía de secuenciación en célula única.

Novas terapias

Ademais da busca de novos fármacos, o esforzo dos equipos de investigación traballan igualmente na optimización da formulación de compostos, así como na súa administración para conseguir unha eficacia e seguridade máxima. No desenvolvemento e screening de novos fármacos, os grupos do CiMUS liderados por Mabel Loza e o de María José Alonso, no eido da formulación, atópanse pendentes de acadar financiamento para varios proxectos a nivel europeo e estatal ou en asociación con empresas.

Neste eido, atópanse pendentes de resolución dous proxectos solicitados á Unión Europea (Innovative Medicine Initiative): o primeiro, de xeito conxunto con máis de dez socios, sobre screening masivo vía intelixencia artificial de candidatos a fármacos antivirais e outro cuxo obxectivo é o testado da actividade vírica de candidatos a estes mesmos medicamentos, así como un terceiro relacionado co reposicionamento de fármacos. Nesta mesma área enviouse unha ‘Expresión de interese’ á convocatoria de GAIN (Xunta de Galicia) coa que se pretende mellorar a eficacia e reducir a toxicidade dos fármacos actualmente utilizados no tratamento de COVID.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.