A Concellería de Educación de Pontevedra e Cruz Vermella colaboran para que “os nenos e nenas que carecen de acceso a internet realicen tarefas escolares”

Os alumnos que o precisen terán á súa disposición unha dotación de tarxetas SIM cedidas pola Fundación Vodafone e un servizo de reparto directo dos ‘deberes’ nos seus domicilios

A desidia e inacción por parte da administración competente na materia, a Xunta de Galicia, está a motivar un incremento da brecha educativa durante o confinamento, cun bo número de nenas e nenos que non poden realizar as súas tarefas escolares por carecer de acceso a internet. Consciente desta problemática situación, a Concellería de Educación de Pontevedra decidiu tomar cartas no asunto e, grazas á colaboración de Cruz Vermella, impulsar mecanismos para que os rapaces en situación vulnerable poidan continuar facendo os ‘deberes’ e non perdan o ritmo co resto dos compañeiros.

Foron diversos os centros educativos que se puxeron en contacto co departamento que dirixe Tino Fernández para denunciar a falta de acceso a internet por parte dalgún alumnos. Unha carencia á que Cruz Vermella está en condicións de dar resposta mediante unha dotación de tarxetas SIM que lle cedeu a Fundación Vodafone e que se poden poñer a disposición dos rapaces que o precisen exclusivamente con fins educativos. “As persoas ás que lles cheguen -avanza o tenente de alcalde- terán que asinar un documento que certifique a súa recepción e o bo uso da tarxeta. Os datos empregaranse só para descargar as tarefas escolares”.

Asemade, a Concellería de Educación e o voluntariado da Cruz Vermella ofrecerán tamén a posibilidade de facer entrega das tarefas que se remitan dende os centros directamente nos respectivos domicilios. Tal e como sinala Tino Fernández, “este reparto debe estar moi coordinado, xa que hai varios colexios e institutos implicados”, polo que o departamento municipal estase a poñer en contacto cos centros de cara a recabar o número exacto de alumnos/as e os datos persoais concretos para poder marcar unhas rutas e datas.

Neste senso, xa se enviou aos titores e directores dos institutos e colexios públicos de Pontevedra unha mensaxe (acompañada por un documento sobre protección de datos para asinar) coa finalidade de que avalíen tódalas necesidades detectadas. “Cruz Vermella -apunta o concelleiro socialista- está a elaborar un protocolo de actuación para que o traballo sexa o máis coordinado e efectivo posible”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.