A Deputación de Lugo elaborou plans de protección específicos co fin de garantir a seguridade no traballo presencial dos empregados fronte ao Covid-19

En previsión das medidas de desescalada que adopten as autoridades sanitarias, con estes documentos a Deputación xa conta desde agora cun instrumento de base e flexible para cando se determine a incorporación progresiva ao traballo presencial

A Deputada de Réxime Interior, Pilar García Porto, anunciou a elaboración de plans de protección específicos para as diferentes dependencias da institución provincial e tendo en conta a singularidade dos servizos co fin de garantir a seguridade no traballo presencial dos empregados públicos fronte ao Covid-19.

A redacción e aplicación destes protocolos, que está coordinada polo servizo de Prevención de Riscos da Deputación, ten unha tripla finalidade, tal e como explicou García Porto.

Por unha banda, ao seu abeiro reanudará plenamente a súa actividade a partir de mañá luns o persoal do Parque Móbil, Vías e Obras e a Granxa Gayoso Castro. Así mesmo, os plans serven para que os traballadores e traballadoras poidan desenvolver o traballo presencial con plenas garantías durante o estado de alarma cando sexa preciso, mantendo como prioridade en todo caso o traballo a distancia.

Ademais, en previsión das medidas de desescalada que vaian adoptando as autoridades sanitarias, con estes protocolos a Deputación xa conta desde agora cun instrumento de base e flexible para cando se determine a incorporación gradual e progresiva ao traballo presencial. Desta maneira, os empregados públicos coñecerán con antelación e tempo suficiente as pautas de actuación e organización para desenvolver con seguridade as súas funcións nos diferentes centros de traballo.

Os protocolos de seguridade foron abordados o venres polo Comité de Seguridade e Saúde, no que teñen presencia os sindicatos. Os plans inclúen a información aos traballadores, unha fase de formación e tamén a entrega ós empregados de Equipamentos de Protección Individual (EPIs) en función das características e singularidades das funcións que desempeñan.

Nesa documentación, o cadro de persoal recibirá unha análise dos escenarios de risco de exposición ao coronavirus na súa contorna laboral e as medidas de protección que deben adoptar en función do lugar no que se atopen desempeñando a súa función. A raíz deses datos, propóñenselle unha serie de medidas encamiñadas a diminuír ese nivel de risco existente xunto coas recomendacións xerais de protección. Unhas recomendacións que están en continua revisión por parte dos diferentes organismos oficiais, como o Ministerio de Sanidade, e poderán ser obxecto de modificación se a situación epidemiolóxica así o requirise.

Entre as medidas que recolle o protocolo están as seguintes: o persoal debe ter a información sobre o virus e debe estar familiarizado cos procedementos de actuación, cada traballador debe acudir preferentemente ao centro de traballo en transporte privado,  reforzarase a limpeza das instalacións –con especial atención ás superficies que podan ser susceptibles de transmisión-, ventilaranse con frecuencia as dependencias, as reunións estarán limitadas no número de persoas, a hixiene persoal debe reforzarse e, entre outras, débese efectuar unha correcta xestión dos residuos.

Pola súa banda, inclúese cumprida información apoiada en imaxes e infografía sobre como facer un lavado de mans correctamente, como se debe viaxar nos vehículos en función do número de prazas ou o axeitado uso dunha mascarilla. Ademais, facilítanse pautas de actuación no caso de presentar síntomas da enfermidade, en función de se detectan a sintomatoloxía no domicilio ou no lugar de traballo, coa finalidade de que se corran os menos riscos posibles.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

4 × dos =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.