A Deputación de Lugo ofrece asistencia técnica aos concellos para que poidan celebrar Plenos de maneira telemática

O servizo de Novas Tecnoloxías avaliará a particularidade de cada consistorio que solicite apoio e recomendaralle a solución tecnolóxica máis acorde coas súas características e medios dispoñibles

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, anuncia que a institución provincial ofrece aos 67 concellos da provincia asistencia técnica, asesoramento e colaboración para que poidan celebrar plenos, xuntas de goberno e órganos colexiados en xeral de maneira telemática. José Tomé enviará unha comunicación aos alcaldes e alcaldesas da provincia para explicarlles que pon á súa disposición este novo servizo gratuíto de cooperación cos concellos baixo demanda a través do departamento de Novas Tecnoloxías da Deputación.

“O obxectivo desta iniciativa é facilitar a xestión municipal con total garantía e seguridade nesta situación de crise sanitaria provocada polo coronavirus Covid-19. Os concellos terán a posibilidade de recibir dunha maneira totalmente gratuíta asesoramento e asistencia para desenvolver a súa actividade de forma telemática”, subliña o Presidente.

Logo do bo desenvolvemento do primeiro pleno vía telemática que se celebrou na historia da Deputación de Lugo o pasado xoves, a institución provincial ofrece o mesmo protocolo de desenvolvemento operado polo servizo de Novas Tecnoloxías. Funciona a través dunha aplicación de videoconferencias na rede que permite conexións entre todo tipo de dispositivos (ordenadores de sobremesa e portátiles, teléfonos móbiles ou táblets). Trátase dunha ferramenta doada de usar e intuitiva.

O servizo de Novas Tecnoloxías estudará a particularidade de cada consistorio solicitante e recomendaralle a solución tecnolóxica máis acorde coas súas características e medios dispoñibles. Ofértanse varias opcións de colaboración, dende só asesoramento ata facer un seguimento de toda a sesión e a retransmisión por streaming a través da canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo.

Esta medida desenvólvese de acordo á modificación da Lei Reguladora das Bases de Réxime Local acordada polo Consello de Ministros e publicada este 1 de abril, que recolle a posibilidade de que os órganos representativos locais e de goberno, así como outros órganos colexiados locais se poden reunir de maneira telemática e adoptar acordos durante o estado de alarma.

Con esta nova medida, a Deputación continúa adoptando as decisións ao seu alcance para cooperar cos concellos na loita para paliar os efectos da crise sanitaria, axudándolles a que podan seguir traballando, coa maior normalidade posible, en todos aqueles trámites que teñen como obxectivo a mellor atención á veciñanza.

O soporte técnico ofrecido pola Deputación permite ós concellos que poidan continuar celebrando, de maneira segura e eficaz, todas aquelas sesións de órganos colexiados que resultan importantes ou mesmo imprescindibles para sacar adiante trámites, procedementos ou medidas que inciden no benestar da cidadanía e no impulso da actividade económica do municipio.

A Deputación responde con esta iniciativa á súa función esencial como Concello dos Concellos. “A nosa principal función é a cooperación con eles, e máis nestes momentos, nos que sobre todo os pequenos municipios, que contan con menos recursos, dificilmente poden encarar os novos escenarios que están xurdindo. É aquí onde temos un papel clave, facilitando que dispoñan de recursos para atender aos seus veciños e veciñas”, subliña o Presidente.

Esta asistencia para celebrar órganos colexiados vía telemática súmase á que xa vén ofrecendo a Deputación de maneira habitual en materia  xurídica, de recursos humanos ou económica-financieira, entre outras moitas liñas de colaboración.

Froito do firme compromiso da Deputación coa cooperación cos concellos tamén é o Plan Único 2020, aprobado polo Pleno este xoves, que inxectará de maneira directa nos 67 concellos da provincia 21,3M€ e que o Goberno provincial decidiu adaptar para que os municipios poidan cubrir con estes fondos medidas sociais ante o coronavirus, polo que poderán dispoñer de ata 10,6M€ para este tipo de gastos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

doce − 1 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.