A Escola de Arquitectura da UDC ofrece un servizo gratuito de asistencia a cidadanía para a mellora da habitalidade dos fogares

Un colectivo de profesorado, estudantado e persoal de administración e servizos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña vén de poñer en marcha un servizo, totalmente altruísta, de asistencia a toda a cidadanía para a mellora das condicións de habitabilidade dos fogares en tempos de confinamento denominado “A Clínica das Casas”

O director da ETSAC, Plácido Lizancos, explica que o motivo desta iniciativa non é outro que unha forma máis de actuar para parar o coronavirus, que se suma a outras como a impresión en 3D de viseiras e pantallas protectoras que tamén se están a facer na Escola. “Son boas prácticas para organizar a casa, ou institucións, para o confinamento pero que tamén poden valer para o medioconfinamento e o postconfinamento”. Lizancos explica que unha estancia prolongada na casa pode ter revelado algunha disfuncionalidade ou aparecer novas necesidades, como por exemplo, como confinar a unha persoa afectada pola COVID-19 dentro da vivenda. Ás veces só é necesario un cambio de mobles pero noutros casos aparecen necesidades como atopar un espazo para que xoguen os nenos, para dar aulas por internet ou para facer actividade física.

O contacto coa Clínica das Casas faise a través da páxina web http://clinicadascasas.udc.gal/.

A asistencia arquitectónica ten varias dimensións de traballo. Por un lado, o apartado “Preciso asistencia”, no que baixo demanda aportan solucións de habitabilidade de forma gratuíta. O seguinte é unha parte de Consellos de todo tipo, recolectados de fontes fiables e profesionais, e Boas prácticas onde se agrupan experiencias xa realizadas que se poden replicar. Finalmente, a páxina web recolle un apartado no que hai unha escolma de prensa con información e artigos de opinión relacionados coa vivenda en tempos de confinamento.

#UDCnonPara

#UDCnaCasa

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.