A Inspección de Traballo constata a falta de equipos de protección no CAPD da Coruña e faille un novo requirimento a Política Social

 A raíz da denuncia presentada por CCOO o pasado 14 de abril, a Inspección de Traballo faille un novo requirimento á Consellaría de Política Social pola situación no Centro de Atención a Persoas Dependentes (CAPD) da Coruña. A autoridade laboral considera que a dirección do centro incumpriu a obriga de posta a disposición dos equipos de protección individual (EPI), tal como lle obrigaba o protocolo de avaliación de riscos, deixando desprotexido a maioría do persoal.

Mediante un requirimento, a Inspección confirma que a dirección do CAPD incumpriu desde o 25 de marzo o previsto na avaliación de riscos por exposición ao COVID-19. Desde esa data e ata o 16 de abril, o centro seguiu incumprindo as medidas previstas na dita avaliación e continuou coa atención a persoas usuarias —fosen ou non casos confirmados de coronavirus— sen organizar as quendas do persoal de atención directa do xeito requirido.

Tampouco se reduciu ao mínimo o número de traballadores ou traballadoras en contacto con estas persoas, nin se deixaron de producir rotacións do persoal asignado ás distintas zonas de illamento. De feito, a dirección do centro recoñeceu que non foi ata o 20 de abril cando se fixo efectiva unha mellor organización do traballo, coa correspondente prohibición de cambio de quendas entre o persoal e limitación do contacto directo coas persoas usuarias afectadas polo virus.

Persoal exposto ao virus

Polo que respecta aos EPI que debían poñerse a disposición das traballadoras e traballadores, a dirección do centro recoñeceu que as máscaras FFP2 foron «reservadas» exclusivamente para o persoal de enfermaría, cando os protocolos indican que se deben facilitar a todo o persoal que preste coidados ou asistencia médica a posibles casos de COVID-19. Deste xeito, deixaron «expostas ao virus» persoas en contacto con posibles infectados polo coronavirus.

A situación obrigou o persoal a reutilizar material dun só uso para poder realizar o seu traballo diario, situación que se mantivo ata o 19 de abril. «Pasou un mes desde que comezaron os contaxios ata que se lle forneceu ao persoal os EPI axeitados», denuncia CCOO. Neste tempo, nin a dirección, nin a Xefatura Territorial da Consellaría de Política Social, nin o propio servizo de prevención adoptaron medida ningunha, malia as denuncias previas, e só se adoptaron «certas medidas correctoras» cando a Inspección de Traballo fixo o correspondente requirimento.

CCOO esixe unha investigación

Desde CCOO non se entende este «desleixo e flagrante incumprimento» por parte da dirección do centro da súa obriga de protexer os traballadores e traballadoras, nin que non houbese ningunha intervención por parte do servizo de prevención de riscos laborais, polo que o sindicato esixe a apertura dunha investigación para depurar responsabilidades. «Coa saúde dos traballadores e das traballadoras e das persoas usuarias non se pode xogar», censura Comisións Obreiras.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.