A teledocencia na UVigo bate récords nas primeiras semanas

Mentres, as aulas virtuais en directo superaron en catro días as 15.500 conexións

O que ata hai unhas semanas era un recurso ocasional e opcional para moitas e moitos docentes e estudantes da Universidade de Vigo, está, nas últimas semanas do mes de marzo, a bater récords. A suspensión da actividade docente presencial o 13  marzo e a posterior declaración do estado de alarma, coa conseguinte obriga de confinamento da poboación, por mor do coronavirus, traduciuse nun exponencial incremento do uso das ferramentas habilitadas pola Universidade de Vigo para impartir docencia virtual: a plataforma FaiTIC, operativa desde o 2003, e as aulas virtuais en directo, que empezaron a funcionar días despois da paralización da docencia presencial. Así, preto de cumprirse tres semanas desde o inicio desta crise sanitaria, FaiTIC pasou dunha media de 23.000 interaccións a máis de 50.000, mentres que as aulas virtuais en directo, contabilizaron desde finais da semana pasada máis de 15.500 conexións diarias de estudantes.

“O uso das ferramentas está a ser moi positivo. Hai unha clara implicación de moitos docentes, decanatos e direccións de centros, aos que agradecemos o esforzo e, por suposto, un traballo enorme de todo o equipo de Sistemas Informáticos da UVigo con Juan Aguiar á fronte para manter e aumentar as capacidades e o soporte, nas súas facetas de xestión e aplicacións administrativas, e a plataforma de teledocencia con FaiTIC e Campus Remoto, coordinándonos con Vicente Goyanes, responsable da dirección e mantemento de campus mulltimedia-UVigo TV”, detalla o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez. A inmediatez coa que foi preciso poñer todo a funcionar todo foi para Míguez o principal desafío ao que tivo que facer fronte a Universidade, que tamén tivo que traballar contra reloxo para que o sistema fose quen de dar unha resposta a unha enorme cantidade de requerimentos á vez. “Realmente a resposta foi fantástica, pero tamén teño que dicir que isto non se improvisa de golpe, senón que houbo un traballo constante de moitos anos detrás”, explica.

FaiTIC, de máis de 268.000 interaccións en marzo en 2019 a preto de medio millón en 2020

Tras 16 anos en funcionamento, a plataforma FaiTIC está a experimentar as últimas semanas deste mes de marzo, unha elevadísima actividade, que se traduciu que dunha media de 23.000 interaccións se pasou a máis de 50.000. Tomando como referencia as dúas semanas que van do 13 de marzo, día da suspensión da actividade docente presencial na Universidade de Vigo, ao día 26 do mesmo mes, o número de interaccións rexistradas en FaiTIC foi neses 14 días de 493.713, con picos especialmente destacados o día 23 con 54.201 conexións ou o día 16 con preto de 48.000. No mesmo período do ano pasado o número total de interaccións rexistradas en FaiTIC entre o 13 e o 26 de marzo foi de 268.110, o que supón 225.603 menos que neste ano 2020.

Para facer posible que esta plataforma de uso habitual entre profesorado e alumnado responda axeitadamente ao incremento de visitas que está a recibir estas últimas semanas, traballouse para dispor maior capacidade de almacenamento e dispoñibilidade de servidores virtuais, ademais e ter en todo momento listos os sistemas de comunicacións. “Por exemplo, se estaba a  traballar en mellorar FaiTIC para converter todo ás novas versións de Moodle e conseguir evitar colos de botella nos accesos simultáneos”, explica José Luis Míguez, que tamén destaca o traballo realizado cara á formación das e dos usuarios para, por exemplo, subir vídeos, ou apartados de videotutoriais ou sobre Office 365.

Aulas virtuais en directo, máis de 15.500 estudantes e 1800 docentes en catro días

Días antes da declaración do estado de alarma, a Vicerreitoría de Planificación autorizou que comezase o despregue de Campus Remoto, o servizo que centraliza nun punto único as ferramentas de teledocencia da Universidade de Vigo, incluída FaiTIC, e no que as aulas virtuais en directo constitúen a gran novidade. A día de hoxe creáronse unhas 1600 aulas, a maior parte para docencia pero tamén, outros espazos virtuais para outros usos: despachos, salas de reunión, etc…, coa novidade de que se clonou a estrutura física da universidade real, de forma que o Campus Remoto está distribuído en campus, edificios, salas e aulas, como a institución real, empregándose os horarios de clases e actividades de docencia presencial. Así, se por exemplo, un alumno que tiña clase o xoves ás 9.00 horas no seminario 3 da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, agora seguirá a tela no mesmo horario na sala virtual do mesmo nome.

Este “xemelgo virtual da estrutura docente da Universidade, sobre unha plataforma propia baseada en código aberto Big Blue Data, algo que moi poucas institucións académicas lograron”, explica Míguez, sumou entre os días 27 e 30 de marzo un total de 15.500 conexións de estudantes e 1821 de docentes . O centro con máis conexións nos últimos dous días foi a Escola de Enxeñaría Industrial con máis de 4100, seguido pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais con 3598. “Esta primeira semana de carga real estamos moi satisfeitos coa acollida, tanto de docentes, como de estudantes”, valora o vicerreitor de Planificación e Sostenibilidade, que destaca en canto ás melloras nas que se está a traballar a creación dun repositorio para vídeos e un sistema de gravación de clases.

Fuente: Mª DEL CAMEN ECHEVARRÍA  DUVI 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.