A vicerreitora de Estudantes da UDC informou ao alumnado da creación de axudas para completar a súa formación

A vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade, María José Lombardía, enviou o pasado 9 de abril unha carta a todo o alumnado da Universidade da Coruña, para informalo da creación dunha liña extraordinaria de axudas para procurar que ninguén se vexa privado da oportunidade de completar a súa formación na UDC por mor do coronavirus

A Universidade vén de abrir hoxe unha convocatoria para optar a dous tipos de axudas; por un lado, bolsas de colaboración para o acceso aos servizos de internet e, polo outro, axudas por causa de dificultades económicas sobrevidas por mor da situación da crise sanitaria COVID-19, que ten por finalidade contribuír ao pagamento dos últimos prazos de matrícula. “Sabemos que moitos e moitas de vós estades a pasar por uns momentos moi difíciles por distintas circunstancias persoais ou familiares, por este motivo, publicaremos a convocatoria dunha axuda encamiñada a procurar que ninguén se vexa privado da oportunidade de completar a súa formación na UDC: #PorTieParaTi”, explicou a vicerreitora no correo electrónico enviado a todo o alumnado universitario a pasada semana no que lles adiantaba a creación destas axudas que poden consultarse na web.

Proceso de avaliación

Lombardía puxo de relevo na súa carta o inédito desa situación, tanto da crise sanitaria como da resposta dada pola universidade, que provoca un período de incerteza que “precisa que vaiamos adoptando medidas encamiñadas a resolver os problemas cos que nos imos encontrando no día a día, á espera de novas que nos permitan tomar decisións sobre asuntos de especial transcendencia”. Sobre todo, preocupa a finalización do curso e o sistema de avaliación. “Contamos con que esta semana se poidan clarificar algunhas das cuestións que nos preocupan a todos, como cando e en que condicións poderemos utilizar as instalacións da UDC. Ademais, estamos a traballar para que o proceso de avaliación se adapte ás circunstancias tan especiais deste cuadrimestre, co obxectivo de que o alumnado poida superar o curso o máis satisfactoriamente posible”, engadiu.

Neste período de confinamento desenvolvéronse un importantísimo número de clases, cun alto índice de participación e satisfacción por parte do alumnado, aínda que a Universidade da Coruña, universidade presencial, é consciente de que a adaptación á docencia non presencial precisa algo máis de percorrido.

Finalmente, a vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade animou ao alumnado a seguir aproveitando as posibilidades que ofrece esta modalidade de docencia e a participar nas titorías virtuais e recoñeceu expresamente o esforzo que están a realizar. “Quixera agradecervos unha vez máis o voso esforzo, e transmitirvos todo o meu alento, convencida de que, entre todos e todas, poderemos afrontar con éxito esta inédita situación”, rematou.

#UDCnonPara

#UDCnaCasa

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.