Alcampo, Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski, Carrefour, El Corte Inglés e Grupo Cuevas súmanse á rede «Mercaproximidade» para darlles saída aos produtos agroalimentarios galegos

A Xunta anima ás empresas a seguir os pasos de Alcampo, a última cadea de distribución en sumarse á rede “Mercaproximidade” concibida para darlles saída aos produtos agroalimentarios galegos afectados polo peche da hostalaría e dos mercados municipais durante a situación de emerxencia sanitaria por mor do coronavirus.

Os centros de Alcampo en Galicia súmanse así a unha lista de empresas colaboradoras na que xa constaban Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski cos seus establecementos Eroski e Familia, Carrefour, El Corte Inglés e Grupo Cuevas, cos seus supermercados Plenus. Con todo, a iniciativa segue aberta e a Consellería do Medio Rural intensifica os contactos para que sigan sumándose a ela non só as cadeas de distribución, senón tamén as empresas que subministran a colectividades ou as plataformas de venda online.

No marco da rede “Mercaproximidade”, estas empresas comprométense a adquirir durante o estado da alarma os produtos agroalimentarios que actualmente non poden comprarse nas feiras locais nin consumirse nos restaurantes ou establecementos de hostalaría. Con esta acción, comprométense ademais a impulsar a venda destas producións, que se distribuirán debidamente identificadas, para que o consumidor saiba non só da súa orixe senón tamén da súa calidade diferenciada.

Os produtos que poden beneficiarse desta vía alternativa de comercialización son, entre outros, as froitas, as hortalizas, a carne de vacún, porcino, ovino ou caprino, así como os produtos lácteos ou apícolas. Non só os produtores poden acollerse á iniciativa senón tamén as industrias transformadoras, sempre que acrediten que un mínimo do 50 % dos seus ingresos proceden das canles comerciais pechadas na actualidade.

Para concienciar á cidadanía da importancia de seleccionar estes produtos na súa cesta da compra, a Consellería lanzará unha campaña de sensibilización dirixida ao consumidor final, visible tanto nos establecementos como nos medios de comunicación. O obxectivo último é contribuír ao mantemento das explotacións agrogandeiras galegas para garantir o futuro do rural da comunidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.