Aprazado até pasado o estado de alarma o XVI Premio de Narración Curta do Concello de Marín

A Concellaría de Cultura informou esta mañá do aprazamento do XVI Premio de Narración Curta do Concello de Marín, que todos os anos se celebra para conmemorar o Día das Letras Galegas, e que tiña como data de fin de prazo o 20 de abril.
Segundo explicou a concelleira Beatriz Rodríguez, trátase de deixar “en hibernación” o certame, para recuperalo cun novo prazo de presentación de textos unha vez pase o estado de alarma.
O Concello anima á cidadanía “a aproveitar estes días de confinamento para ler e escribir, gozando de boa literatura e inspirándose para animarse despois a participar neste concurso, que xa leva tantos anos vixente”.
Por outra banda, Cultura está traballando en poñer en marcha unha programación específica para a conmemoración do Día do Libro, utilizando, como non pode ser doutro xeito, as redes sociais.
A principios da próxima semana, detallarase máis polo miúdo esta iniciativa, “coa que pretendemos manter aos veciños e veciñas de Marín entretidos cunha oferta cultural de calidade e pensada para toda a familia”.
Nesa liña está a desenvolverse a campaña, “En Marín, #ACulturaSegue”, utilizando o cancelo promovido pola Xunta de Galicia, e que o Concello está a utilizar para a difusión de vídeos centrados na figura do pintor Manuel Torres, dentro da conmemoración do Ano Torres. Mañá, haberá unha nova entrega destas pezas audiovisuais, centrada nesta ocasión na relación entre Torres e a música.