Becerreá: Os socialistas propoñen reforzar o servizo de axuda no fogar as persoas maiores ou con discapacidade

A Voceira Socialista de Becerreá, Ana Isabel Rubinos avanzou que, rexistrou no Concello, un documento co que propón “unha batería de medidas socioeconómicas para paliar a crise do COVID, e co fin de que ninguén quede atrás na nosa vila, prestando especial atención aos nosos maiores, as familias, así como os traballadores e traballadoras que perderon o seu emprego, e tamén para axudar a aqueles autónomos, comercios minoristas e empresas que tiveron que pechar os seus negocios co motivo do estado de alarma, e consecuentemente viron reducidos substancialmente os seus ingresos”.

A Voceira Socialista, propón, na súa batería de medidas “reforzar o servizo de axuda no fogar as persoas maiores ou con discapacidade ; a posta en marcha dun servizo de comida a domicilio e produtos farmacéuticos; continuar coa limpeza de rúas e desinfección de espazos públicos”.

No eido económico demanda axudas para “exonerar a tódalas actividades comerciais que se viron na obriga de pechar do pago dos recibos do IBI, lixo, auga, rede de sumidoiros e outras taxas municipais como as das terrazas; aprazar como mínimo 3 meses o cumprimento das obrigas fiscais dos veciños co Concello de Becerreá; crear unha liña de axudas para as pequenas empresas, os autónomos e as familias que sufriron unha diminución substancial dos seus ingresos, e por último, reivindicamos que se solucione a falla de cobertura móbil nalgúns lugares do Concello e se dispoña de conexións a internet de calidade”, remarcou.

Agradecemento e colaboración

Rubinos tamén agradece a implicación de todos os sectores que traballan ao longo desta crise. “Especialmente ao persoal sanitario, farmacéutico, forzas e corpos de seguridade do Estado, bombeiros, equipos de emerxencias, persoal de limpeza, traballadores sociosanitarios, transportistas, traballadores dos establecementos de alimentación e todas aquelas persoas que traballan polo benestar da poboación tanto a nivel público como privado. E por suposto, sen esquecer, aos veciños e veciñas de Becerreá a gran disciplina social e sensibilización para conseguir entre todos ter un municipio libre de virus”, dixo.

Nesa liña tamén sinala que “diante deste escenarío tan crítico dende o PSdeG-Psoe de Becerreá ofrecémonos para colaborar co Concello e a todas as veciñas e veciños da vila, xa que consideramos que é o momento de unir esforzos para facer fronte a grave situación de emerxencia social que estamos padecendo e que deixa serias consecuencias sanitarias, sociais e económicas nas nosas vidas”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.