Cadernos da viaxe. Centralismo e militarización. Por Xoán Antón Pérez-Lema

Os días 11-M e 12-M, con menos de 2.200 casos en todo o Estado, o Goberno central habería ter decretado o estado de “alarma”. pechando a rexión de Madrid. Unha rexión que actuou nas semanas seguintes como auténtica centrifugadora de contaxios. Tampouco blindou Galicia nin lle permitiu á Generalitat pechar Catalunya.

O estado de “alarma” non chegou até a noite do sábado 14-M e baseouse nun Mando Único estatal (pedido polo PP estatal o 13-M). Mais o Ministerio de Sanidade estaba falto de medios persoais despois de máis de 25 anos sen desenvolver xestión (1200 empregados vs 500.000 autonómicos) e non tiña experiencia ningunha canto a proveedores e canles de comercialización e loxística. Catro días despois o Ministerio permitiu de feito que as CC.AA. e outros operadores seguisen a mercar material de protección individual (EPIS) e respiradores, mais o dano xa estaba feito, porque as canles de fornecemento estaban xa ateigadas de pedimentos internacionais.

Segueu o conto coa desaquelada (e tamén revogada) prohibicón de tests para casos leves e coa entrega directa de máscaras aos concellos e cidadáns, no canto de facelo a medio das CC.AA, que son as que coñecen as necesidades. E agora coa  oposición do Goberno do Estado a que sexan os Gobernos nacionais e autonómicos os que dirixan a fase de volta á normalidade, cando son os que coñecen territorio, poboación, actitudes e costumes sociais.

Pasou o que pasou e non é casualidade, senón que resposta a unha concepción centralista dos problemas, necesidades e solucións, quer na normalidade, quer na emerxencia, que partillan PSOE, PP. Cs e IU-Podemos. Partidos que teiman en impór a tradicional radialidade española (reactivada no económico nos últimos vinte anos). Desprezando por periféricas as opinións de científicos moi ben recoñecidos na Europa e máis vencellados á divulgación científica en cadanseus países, como o galego Jorge Mira ou o catalán Oriol Mitjà. A ciencia verdadeira só pode estar en Madrid, segundo os unionistas.

Diante da falla de estrutura humana dos Ministerios, que adoitan non ter quen lles escreba, Pedro Sánchez optou polos militares e policías estatais como aparello estatal, desprezando ás Administracións autonómicas e locais. Na Europa toda non hai mandos militares comunicando nas roldas de prensa, só hai políticos e científicos. Nos Estados federais europeos (Alemaña, Suiza, Austria…) as decisións adóptanse coordinadamente e execútanse de xeito diferente en cada territorio polos seus Gobernos autónomos. Mais Spain is different.

As FF.AA. están para defender militarmente, non para facer de policías, profesión que require dunha formación teórico-práctica moi específica. E tampouco para facer de protección civil. A Unidade Militar de Emerxencias (UME), como os Plans estatais plurianuais de vivenda, son expresións da recentralización estatal de recursos que haberían estar transferidos ás CC.AA., lexítimas titulares da competencia. No canto de termos un grupo en León para lle dar servizo a 8 millóns de persoas, teríamos un amplo servizo no noso país duns 150-180 profesionais a coordinar pola Axencia Galega de Emerxencias cos axentes forestais, vixiantes ambientais, bombeiros e servizos de extinción de lumes.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dos × 2 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.