Catro investigacións en marcha sobre o asasinato de Diego Bello, á espera de resultado

Resposta a unha pregunta formulada polo deputado do BNG no Congreso Néstor Rego

O Goberno do Estado está “á espera” de que as 4 investigacións en marcha sobre o asasinato do mozo coruñés Diego Bello cheguen ao seu fin, informa o Executivo ao deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

As investigacións realízaas a división de asuntos internos da Policía filipina e outros tres órganos do país asiático: o Ministerio do Interior, o National Bureau of Investigation e a Comisión de Dereitos Humanos de Filipinas, esta última unha entidade independente do goberno de Rodrigo Duterte.

Para o BNG, non hai dúbida de que a “morte” de Diego Bello constitúe un asasinato. Ficou ben claro desde o momento en que a policía filipina, autora material do crime, non achegou ningunha proba que acreditase o suposto envolvemento do mozo coruñés en actividades relacionadadas co narcotráfico. Non só iso, senón que as autopsias realizadas -unha en Madrid, outra en Manila- demostraron que non había rastros de pólvora nas mans de Diego, o que desmonta a tese policial de que a morte se producira no contexto dun tiroteo. Alén diso, o informe toxicolóxico puña de manifesto que Diego non consumía estupefacientes. Era unha persoa sá e deportista, como ben saben os seus familiares e amizades, quen para defender o bon nome do seu ser querido crearon a plataforma Xustiza para Diego.

Na resposta do Goberno á pregunta por escrito formulada por Néstor Rego, refírense distintas xestións realizadas polo Estado español en Filipinas en relación co intento de esclarecimento deste asasinato, entre elas reunións do embaixador español en Filipinas con altos cargos do Ministerio de Interior do país asiático.

Á marxe desta pregunta no Congreso e dunha iniciativa na Eurocámara, o BNG promoveu tamén unha Declaración Institucional no Concello da Coruña de condena do asasinato e en demanda da depuración de responsabilidades ás que houber lugar por este crime.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

18 − 16 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.