CCOO-Ensino: “A videoconferencia coa Consellaría foi protocolaria e sen contido”

A Federación do Ensino de CCOO de Galicia critica que a videconferencia do xoves coa Consellaría de Educación foi «protocolaria e sen contido», convocada unicamente coa intención de «xustificar» o diálogo cos axentes sociais.

Na intervención da conselleira, Carmen Pomar, non se deu «ningunha información a maiores» da comunicada o día anterior na comisión permanente do Parlamento e aos medios de comunicación. A «única novidade» foi o anuncio da convocatoria dunha mesa sectorial a vindeira semana para tratar o cuestión das oposicións.

Canto ás organizacións sociais convocadas, o tempo de intervención limitouse a cinco minutos e sen conceder dereito de réplica, o que «evidencia o desinterese polo que poidamos achegar».

No escaso tempo dispoñible, CCOO pediu seriedade e traballo, e que «desistan das propostas electoralistas, xa que a campaña está suspendida». Tamén solicitou instrucións que concreten os criterios do teletraballo referidos a horario laboral, contidos, actividades, avaliación e que teñan en conta as fendas dixitais, sociais e territoriais. Tamén se reclamou información oficial da situación sobre a porcentaxe de alumnado e docentes conectados, porcentaxe de alumnado e docentes desconectado, así como o problema das diversas plataformas utilizadas.

CCOO demandou, así mesmo, a cobertura de todas as baixas que se produzan para poder manter a atención adecuado ao alumnado.

A Federación do Ensino de CCOO tamén pediu instrucións claras do traballo que se ha desenvolver no terceiro trimestre, limitándose ao reforzo da materia impartida de modo presencial. A conselleira manifestou que os centros deciden se poden avanzar materia, aínda que esta non sexa avaliable. Comisións considera que isto «rompe a equidade e abre máis a fenda educativa, xerando dúas velocidades». As instrucións deben diferenciarse por etapas, tendo en conta as ensinanzas de réxime especial, FP, artísticas superiores ou de adultos.

Instrucións claras e uniformes pediu tamén CCOO-Ensino sobre promoción e titulación, entendendo a repetición como unha medida extraordinaria. Botan balóns fóra á espera das instrucións do Ministerio. Para a FP, o sindicato pediu que se flexibilicen as prácticas e que se poidan realizar máis adiante, pero que non se reduza en tal magnitude a proporción do número de horas.

CCOO-Ensino solicitou flexibilización curricular para o próximo ou próximos cursos.

Esta tarefa debe ser competencia da Consellería e non debería recaer nos propios centros educativos. No caso da FP, pediu que se flexibilicen as prácticas e que se poidan realizar máis adiante, pero que non se reduza a proporción do número de horas.

Con respecto á ABAU, CCOO coincidiu no formato de maior optatividade, pero demandou a preparación dun plan B por se non se poden realizar as probas de forma presencial con garantías sanitarias.

O sindicato tamén criticou a «despreocupación» da Consellería de Educación no que atangue ao seu persoal laboral ante os chamamentos da Consellería de Política Social, sen respectar os criterios que esta aplica aos seus propios traballadores e traballadoras.

Mesa sectorial

Con respecto ao proceso selectivo, CCOO non desenvolveu a súa posición na espera da mesa sectorial da semana que vén, pero manifestou que coida acaído que tomasen unha decisión, xa que non tiña sentido manter en vilo a todas as persoas opositoras con continuos cambios de criterio.

Desde CCOO xa lle trasladaron as condicións necesarias para poder desenvolver este proceso con garantías e, xa chegados a mediados de abril, «cos datos actuais non era viable insistir en realizalas, e non só por unha cuestión de prazos: non hai garantías sanitarias». Así mesmo, esixiu que se blinden as prazas da oferta de 2020 e as da convocatoria do ano 2021. Tamén pediu a convocatoria do procedemento de acceso á cátedras de Secundaria,EOI e Artes Plásticas e Deseño.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

ocho + doce =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.