Distribuídos nos centros de asistencia social dos concellos do sur de Lugo material de protección e desinfección

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explica que o Goberno galego entregará 16.700 mascarillas, 10.200 guantes, xel hidroalcohólico, pantallas oculares, batas e outro equipamento

A Xunta de Galicia está a distribuír material de protección e desinfección nos 25 centros de asistencia social existentes nas comarcas do sur de Lugo. O delegado territorial, José Manuel Balseiro, confirmou que o reparto iniciouse o pasado venres e completarase entre hoxe e mañá.

En total, as comarcas de Quiroga, Chantada e Terras de Lemos recibirán 16.400 mascarillas quirúrgicas e 305 mascarillas FF-p2, 10.200 guantes, 262 batas de plástico e outros tantos mandilóns, 85 garrafas de xel desinfectante de 5 litros e 203 botes de medio litro, 89 pantallas oculares, 900 gorros e 300 calzas.

Os destinatarios das dotacións son todas as residencias de maiores, centros de persoas con discapacidade ou vivendas comunitarias tuteladas da zona, situadas en concreto nos concellos de Bóveda, Chantada, Monforte de Lemos, A Pobra de Brollón, Quiroga, O Saviñao, Sober e Taboada.

Entre os centros con maior volume de usuarios cabe destacar a residencias para persoas con discapacidade de Bóveda, as residencias de Geriatros en Chantada e Monforte de Lemos, a residencia fogar San José -tamén en Monforte- ou a da Fundación San Rosendo en Sober.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que  as dotacións chegarán a todos os centros sociais tanto de titularidade pública como privada, xestionadas por empresas ou entidades sociais. Engadiu que o Goberno galego tomou esta iniciativa tras constatar que moitas tiñan problemas de subministro e para garantir a mellor protección dun persoal que presta un servizo esencial de atención e coidado a colectivos especialmente vulnerables ante posibles contaxios.

Material que reciben directamente nos centros

Para o reparto emprégase a nova plataforma loxística posta en marcha pola Xunta e, polo tanto, permite que as achegas se reciban directamente nos centros e residencias, sen necesidade de desprazamento.

Balseiro avanza que a distribución deste material servirá para cubrir as necesidades previstas para os vindeiros días e a intención do Goberno galego é efectuar novos repartos de material de protección, de xeito periódico, no futuro. Estas achegas poderían intensificarse cos recursos que poidan vir do Goberno central que, polo momento, son insuficientes para garantir as demandas existentes o que obrigou á Xunta a facer uso de recursos propios.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

tres × 3 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.