Elena Candia iniciou coa reunión de hoxe unha rolda de encontros telemáticos con todos os alcaldes e portavoces populares na provincia

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, mantivo esta mañá unha reunión por videoconferencia cos membros do grupo provincial, que ten por portavoz a Javier Castiñeira, na que se analizou o momento que vive a provincia como consecuencia da crise sanitaria debida ao coronavirus Covid-19 e as consecuencias económicas que se derivan do confinamento.

No transcurso da reunión co grupo provincial, constatouse o inmobilismo da Deputación, en todos as frontes, nunha situación na que debera ter xogado xa e estar xogando un papel fundamental no apoio aos concellos e aos sectores produtivos da provincia.

Elena Candia sinala: “A Deputación, presidida polo socialista José Tomé, está moi lonxe de cumprir o papel que lle corresponde nunha situación como esta.

Realmente non se entende que, mentres a Xunta e os concellos fan canto está nas súas mans, a Deputación practicamente nin se movera, ata que, por fin, e despois da presión que fixo o PP, se decidiu a comprar material de protección sanitaria; agora está por ver con que criterios distribúe este material”.

Candia, despois da reunión co grupo provincial, destacou que a Deputación non só tiña que haber intervido para axudar aos concellos, polo tanto aos lucenses no aspecto puramente sanitario da crise, senón tamén, e moito máis agora e nos próximos meses, para paliar as consecuencias económicas do necesario confinamento da poboación. “Se o presidente Tomé escoitase á sociedade lucense sabería que é necesaria a intervención de todas as administracións para reactivar a economía; todos os sectores produtivos están en situación moi difícil.

O presidente da Deputación empezou a falar cos diferentes sectores despois de que o grupo provincial o solicitase insistentemente; é hora de que cos recursos da institución, con acordo cos sectores produtivos, se poñan en marcha medidas para axudar á reactivación da economía. A maior parte dos concellos fan todo o que poden nesta liña, pero a súa capacidade é moi limitada e é preciso que a Deputación dea un paso decidido cara adiante”.

A presidenta provincial do PP insta a Tomé a entender que é o momento de presentar un proxecto de provincia, porque a Deputación non pode seguir ausente nestas circunstancias dado que é unha peza clave para saír da crise.

Por outro lado, ao fin da reunión a presidenta provincial do PP indicou que é necesario, nunha situación como esta, que os partidos non utilicen os recursos con ánimo partidista e buscando réditos políticos.

Candia expresou o seu pesar polo falecemento das vítimas do coronavirus. Destacou que Lugo é unha das provincias con menos falecidos a causa do Covid-19 e agradeceu o esforzo que fan os cidadáns e a Administración, entre a que citou á Xunta e os concellos.

A presidenta provincial do PP tivo palabras de especial agradecemento ao persoal sanitario, das forzas e corpos de seguridade, Protección Civil, bombeiros, forzas armadas, traballadores de supermercados, limpeza, repartidores e, en xeral, para todos aqueles que están en primeira liña nesta crise.

Pola súa parte, o portavoz do Grupo Provincial Popular, Javier Castiñeira, recordou as iniciativas presentadas na Deputación e como o presidente, José Tomé, acabou por facer,  nalgúns casos, o que lle dicían os populares, pero, nun xesto de arrogancia política absolutamente fora de lugar, sen contar para nada con eles. Castiñeira recordou que o presidente Tomé tivo que admitir que o pleno pasado se celebrase telematicamente; tamén iniciou contactos con sectores produtivos, como lle dixo o PP, pero sen contar en absoluto co grupo provincial popular.

E tamén como lle dixo o PP, recordou Castiñeira, tivo que comprar material sanitario de protección fronte ao coronavirus. Declarou: “O presidente Tomé segue se querer buscar o consenso que lle ofrece o grupo con máis deputados, o meu, o do PP, para deseñar as medidas que axuden a recuperar a actividade económica na provincia; Tomé está danando a imaxe da Deputación ao ser a Administración que menos compromiso ten coa provincia; corre o risco de pasar a historia como o presidente da Deputación que non soubo facer o seu papel nunha situación moi difícil nos planos sanitario e económico”.

Castiñeira expresou a preocupación dos deputados provincias do PP porque a Deputación segue sen poñer un só euro a maiores, ademais da compra de material de protección sanitaria, para combater esta crise en todas as súas frontes.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.