Elena Candia traslada o apoio do PP ao comité de empresa de Alcoa nas súas demandas

A presidenta provincial, Elena Candia, acompañada do deputado no Congreso, Jaime De Olano, o senador, José Manuel Barreiro, e os alcaldes de Xove e Cervo, Demetrio Salgueiro e Alfonso Villares, trasladou este luns o apoio do Partido Popular ás demandas do comité de empresa e que xorden logo do anuncio realizado pola multinacional e que inclué a parálise das cubas que xa están a piques de rematar a súa vida útil, sen que se lles realice a rebrascaxe para o seu posterior arranque. Esta medida implica unha redución considerable na produción e, por tanto, supón un aumento no risco de peche da planta de San Cibrao.

Dada a gravidade da situación, a dirixente dos populares lucenses manifesta que esta reunión de traballo telemática dá continuidade á rolda de contactos iniciados a través desta vía a pasada semana e que tivo por obxectivo “poñernos novamente á súa disposición e para interesarnos pola situación exacta da empresa”. Neste senso, dende o PP “voltamos a pedir alto e claro que o Goberno ten que actuar para darlle unha solución e, como primeira medida, pedimos que convoque xa a mesa de enerxía”, apunta a presidenta do PP, quen tamén lles adiantou que apoian a demanda de que a empresa paralice a medida de pechar as cubas, así como a petición dunha reunión conxunta coa Xunta de Galicia “para artellar unha estratexia que axude ao mantemento da produción e dos empregos existentes”.

Preocupación constante

A presidenta provincial, xunto aos deputados nacionais, Jaime De Olano e Joaquín García Díez, xa expresou en días pasados a súa preocupación pola crítica situación de Alcoa que se agrava aínda máis coa crise do coronavirus que derivou na indicada redución da demanda de aluminio e coa falta de aprobación dun estatuto electrointensivo que estableza unhas condicións de produción que garanta a viabilidade da planta mariñá.

A este respecto, dende o PP denuncian que o Goberno leva practicamente dous anos “dándolle esquinazo” á única planta de aluminio primario de España da que dependen 5.000 familias da comarca mariñá; motivo polo cal tamén trasladarán as demandas do comité no vindeiro Pleno da Deputación, a través dunha iniciativa que defenderá o Grupo Provincial Popular.

“Nestes momentos en que estamos nunha crise económica e de emprego moi importante por mor da situación sanitaria do país, faise máis necesario ca nunca darlle solución á maior industria da provincia, xeradora de miles de postos de traballo directos e indirectos”, conclúe a dirixente popular.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.