Este luns comeza o servizo de atención psicolóxica a través do 112 para toda a poboación pola emerxencia sanitaria

A Xunta de Galicia pon en marcha este dispositivo atendido 24 horas por psicólogos/as de emerxencias do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

Este luns, 6 de abril, a Xunta de Galicia porá en marcha un dispositivo de atención psicolóxica a través do 112, dirixido a toda a poboación galega, para atender o grave impacto no benestar psicolóxico e na saúde mental que ten esta emerxencia sanitaria polo coronavirus. Este servizo será prestado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, en concreto, a través dos e das profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), que será accesible a través do teléfono de emerxencias 112 as 24 horas do día, 7 días á semana.

Esta situación pode provocar altos niveis de estrés ou ansiedade, derivados do confinamento e da falta da rede habitual de apoio que temos as persoas, a soidade que ocasiona o illamento social, os problemas laborais e por suposto, situacións de sufrimento pola hospitalización ou perda de seres queridos afectados pola enfermidade. Estes son algúns exemplos do impacto psicolóxico que está ocasionando esta emerxencia e que estarán atendidos por estes psicólogos e psicólogas sanitarias e clínicos, que contan cunha ampla experiencia no eido das intervencións en situación de crise.

O dispositivo estará activo durante as 24 horas do día, 7 días a semana, mentres dure a emerxencia, e actuará en estreita coordinación cos psicólogos e psicólogas clínicas do SERGAS para derivar a aquelas persoas que requiran dunha atención máis especializada.

O GIPCE

O GIPCE é un grupo de psicólogos e psicólogas do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e especializados na atención psicolóxica en situacións de emerxencia e catástrofes. Coa súa intervención procuran minimizar o impacto nas persoas afectadas, restaurar as súas capacidades e recursos para que poidan resolver o máis eficazmente posible a situación de estrés e previr posibles problemas psicolóxicos posteriores. Tamén asesoran a dirección da emerxencia sobre o impacto psicolóxico das súas actuacións nos colectivos afectados, e realizan  tarefas de autocoidado de grupo para tratar de diminuír o  estrés nos intervenientes tras realizar unha intervención.

O GIPCE intervén durante o tempo que dura a situación crítica en contextos como accidentes, inundacións, naufraxios, desaparicións, secuestros, situacións de violencia etc., nas que haxa persoas afectadas que precisen de atención psicolóxica, e sempre e cando as persoas afectadas acepten a súa participación. Pertence ao Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e desde o ano 1997 conta cun convenio coa Xunta de Galicia para o seu mantemento e intervén a través do 112. Actualmente constitúe unha rede de profesionais capaz de dar unha resposta eficaz neste tipo de situacións as 24 horas do día durante os 365 días do ano na nosa comunidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.