Eva Solla: “A Xunta ten que actuar ante o impago das nóminas do persoal da central de chamadas do 061”

O persoal da central de chamadas do 061 viña advertindo nos últimos meses dos incumprimentos contractuais que a empresa adxudicataria do servizo, Grupo Norte, estaba a practicar. A pesar de ter denunciado publicamente a ameaza de impago durante varios meses seguidos, que significou unha xornada de folga no mes de xaneiro, a Xunta non acometeu ningunha actuación nin expediente á empresa” declaran dende a formación galega

Recentemente ven de adxudicarse o servizo a unha nova concesionaria, abandonando Grupo Norte a explotación do mesmo, “sen que o persoal operador telefónico teña percibido a súa nómina do mes de marzo”.

Esquerda Unida denuncia que a precariedade no persoal da central de chamadas “non é unha novidade”. Eva Solla, Coordinadora Nacional , afirma: “ Estamos falando dun servizo esencial que debera ser de xestión pública. A Xunta mantén, a través da Fundación do 061, ao persoal que atende as chamadas en permanente inestabilidade, pasando pola xestión das diversas concesionarias de telemárketing, con habituais incumprimentos de acordos. Se a Xunta decide manter a xestión privatizada, que garanta polo menos que o persoal cobre as súas nóminas”. E pregúntase: “¿De que serve aplaudir ao persoal que atende as nosas urxencias se logo se lles mantén nestas condicións?”

A organización política entende que o Conselleiro de Sanidade ten mañá na súa comparecencia “unha boa oportunidade para explicar se van tomar algunha medida ante este impago de nóminas e lembran a necesidade de que se constitúa unha lista específica para as substitucións no servizo con persoal xa formado”.

“Durante a crise do Covid-19 a Xunta habilitou un teléfono específico con persoal contratado sen experiencia previa con salarios próximos ao SMI. Entendemos que este non debe ser o modelo de calidade para un servizo tan importante como a asistencia telefónica en urxencias”, trasladou Eva Solla.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.