FEAFES alerta sobre a situación de moitas persoas con problemas de saúde mental “agravada pola prolongación no tempo do confinamento”

Durante a segunda quincena do estado de alarma, as entidades que conforman Saúde Mental FEAFES Galicia observaron que a atención ás persoas usuarias foi mudando dunha fase de atención informativa a outra na que comezan a xurdir incidencias de maior complexidade
A raíz do estado de alarma declarado o pasado 14 de marzo no marco da crise sanitaria do COVID-19, Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións federadas asumiron a complexa tarefa de adaptar os seus servizos e recursos á situación sobrevida, coa fin de garantir o mantemento dunha atención axeitada, de calidade e moi necesaria ás persoas con problemas de saúde mental. A atención presencial foi reducida ao mínimo e tan só se manteñen abertos os pisos protexidos e os centros residenciais, adoptando as medidas de prevención necesarias.
Se ben na primeira quincena de confinamento polo coronavirus, o traballo dos profesionais das entidades de saúde mental centrouse na atención informativa e na dotación de estratexias e recursos para facilitar o confinamento, así como na adaptación á nova realidade, nesta segunda quincena véñense observando signos de esgotamento por parte dalgunhas persoas usuarias debido á prolongación no tempo desta situación. En total, entre o 1 e o 15 de abril, as asociacións federadas en Saúde Mental FEAFES Galicia, xunto ás delegacións coas que conta a entidade nas catro provincias galegas, atenderon a un total de 2.090 persoas.
As chamadas e intervencións telefónicas, efectuadas (7.618) ou atendidas (576) por profesionais da psicoloxía, da educación social e do traballo social, inclúen seguimentos que poden durar ata unha hora. Tamén aumentaron as incidencias, que se elevan a 117, aparecendo situacións de maior complexidade como agravamentos na patoloxía das persoas usuarias, intervencións de corpos e forzas de seguridade, dificultade de acceso á medicación ou a atención de 3 ingresos psiquiátricos.
Naqueles casos nos que é preciso, realízanse atencións presenciais en domicilios, rexistrando un total de 1.126 nesta segunda quincena. A maioría delas teñen que ver coa necesidade de supervisión directa á persoa usuaria ou á súa familia, a necesidade de intervención psicolóxica directa, mediacións familiares ou o subministro de medicación e alimentos. Realizáronse tamén 233 acompañamentos presenciais a centros de saúde, farmacias, saídas terapéuticas, xestións, compras, etc.
É importante resaltar o impacto diferenciado que esta complexa situación está a ter no ámbito rural con respecto ao urbano. No rural observamos inconvenientes agravados como o limitado acceso á Internet na casa en moitos casos, a distancia dos servizos médicos especializados, malas comunicacións, limitación de transporte público para realizar actividades básicas permitidas como a compra, ou o illamento social, agravado nesta situación. Isto fai que os profesionais das asociacións de saúde mental teñan que redobrar os seus esforzos para enfrontarse a estas limitacións nas súas intervencións.
Por outra banda, no caso das delegacións coas que conta Saúde Mental FEAFES Galicia nas catro provincias galegas, cómpre destacar o seguimento e acompañamento que se está a realizar ás persoas usuarias que continúan traballando durante o estado de alarma. En total, desenvolvéronse 199 actuacións a 186 persoas que se atopaban traballando, co obxecto de facer un seguimento da evolución nos seus postos de traballo, ofrecer orientación e asesoramento sobre os cambios laborais que se produciron, asesorar sobre procesos administrativos e ofrecer axuda psicolóxica.
En xeral, ao longo desta segunda quincena de confinamento, podemos concluír que acentuouse o deterioro dunha parte das persoas atendidas polos recursos de saúde mental do movemento asociativo, se ben o traballo de contención dos profesionais está a evitar que estas situacións se agraven ou sexan máis numerosas. En calquera caso, outra ampla porcentaxe de persoas usuarias está a asumir axeitadamente a situación de confinamento, amosando un comportameto exemplar. En total, máis de 250 profesionais están a traballar para conter esta situación, mitigar potenciais complicacións e previr situacións complexas.