FEGADACE presenta 20 propostas para garantir a atención ás persoas con dano cerebral durante a crise da COVID-19

Ideas para a continuidade dos servizos de rehabilitación e para a protección fronte á doenza dun colectivo en situación de especial vulnerabilidade. Inclúense medidas para garantir a supervivencia e continuidade do movemento asociativo

O movemento asociativo do dano cerebral adquirido, que representa a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), presenta 20 medidas para garantir a protección das persoas e familias con esta discapacidade durante o período de crise por causa da COVID-19. Estas medidas, que inclúen desde propostas para a rehabilitación a domicilio ata iniciativas para a supervivencia das propias entidades que prestan servizos de atención, son compartidas con todo o asociacionismo do dano cerebral a nivel estatal (articulado arredor de FEDACE), e diríxense ás administracións locais, autonómica e estatal.

Cun escenario de peche temporal das asociacións, os servizos de atención diúrna e de rehabilitación das asociacións de dano cerebral están suspendidos e as persoas con esta discapacidade atópanse nos seus domicilios, cos seus programas de atención e inclusión interrompidos. Só se mantén en funcionamento a residencia que Alento xestiona en Vigo, cumprindo coa nova normativa derivada da necesidade de protección fronte á COVID-19.

As asociacións tratan de asesorar a distancia ás súas persoas usuarias, ofrecendo recomendacións tanto xerais -a través das súas páxinas web e redes sociais- como individualizadas, en contacto directo coas súas familias, para o mantemento, na medida do posible, da atención ás persoas con dano cerebral.

Atención a domicilio e supervivencia do tecido asociativo

Constatada a insuficiencia destes métodos para garantir a correcta atención ao colectivo de persoas con dano cerebral adquirido, o movemento asociativo organizou en torno a 20 puntos as necesidades detectadas durante este especial período de confinamento, así como perante a “nova normalidade” que está por chegar nas vindeiras semanas.

Con respecto ás persoas con dano cerebral, proponse que se recoñeza a este colectivo como de alto risco pola complexidade de secuelas que compoñen esta discapacidade. As principais medidas están destinadas a garantir a rehabilitación física e cognitiva a domicilio, a cesión temporal dos medios técnicos que sexan precisos para a teleasistencia, e a atención domiciliaria con todo tipo de servizos de compra, limpeza e apoio.

A nivel hospitalario, reclámanse medidas que sensibilicen á poboación sobre a necesidade de seguir acudindo aos centros sanitarios no caso de detectar algún dos síntomas de alarma do ictus, ou de calquera outra das causas do dano cerebral. Tamén que a reserva de recursos para a atención ás persoas con coronavirus non repercuta na axilización das altas ás persoas con dano cerebral, garantindo a súa correcta atención na contorna sanitaria.

Con respecto aos centros de atención que permanecen abertos, ou que abrirán en condicións especiais durante a “nova normalidade”, reclámase o fornecemento dos EPIs, do material de desinfección e dea medicación -habitual ou puntual- necesaria, así como mecanismos de apoio para non poñer en perigo a saúde dos equipos profesionais, das persoas con dano cerebral e das súas familias.

Por último, o catálogo inclúe cinco propostas en materia de financiamento e subvencións para asegurar o seu mantemento e adaptación durante esta crise e as fases inmediatas á súa superación.

Vinte propostas ás Administracións Públicas para a atención do Dano Cerebral durante a crise da COVID-19

A actual crise do COVID-19 está supoñendo graves problemas para os colectivos vulnerables. Un deles son as persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias, que non deben ser un colectivo esquecido na xestión desta crise. Por iso, o movemento asociativo do dano cerebral adquirido, representado en Galicia por FEGADACE, propón aos Gobernos e Administracións locais, autonómicas e central as seguintes medidas para previr situacións de inxustiza social e de complicacións sociosanitarias:

1. Realizar campañas coas que concienciar á poboación de acudir a tempo aos centros sanitarios, sen temor a contaxio, ante unha situación de urxencia sanitaria debida a un ictus, un traumatismo cranioencefálico, un tumor cerebral, unha anoxia ou outra infección cerebral.

2. Solicitude ao Ministerio de Servizos Sociais e Axenda 2030 de habilitar medidas de “emerxencia social” para as persoas con dano cerebral cuxa persoa coidadora principal estea hospitalizada, enferma ou teña falecido por COVID-19.

3. Garantir que as altas hospitalarias en fase subaguda do dano cerebral se axusten ás necesidades reais das e dos pacientes. Hai constancia de que, perante a necesidade de camas, estase enviando ás persoas ás súas casas antes de que finalice o período habitual de rehabilitación tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico, un tumor cerebral ou outras causas que provocan Dano Cerebral.

4. Incorporar medidas para a necesaria rehabilitación física e/ou cognitiva en casos de persoas recentemente accidentadas ou que tiveron un ictus recentemente e que foron dadas de alta hospitalaria sen ningún proceso de seguimento. O adecuado tratamento da fase subaguda é crítico para a rehabilitación dunha persoa con dano cerebral.

5. Recoñecemento das persoas con dano cerebral como colectivo de alto risco polas súas características e múltiples secuelas, así como as súas grandes necesidades de apoio. Unha vez cubertas as necesidades do persoal sanitario en hospitais e UCIs, débese asegurar o abastecemento de material de protección individual a profesionais da atención ao dano cerebral, ás persoas con dano cerebral e ás súas familias.

6. Incorporar canto antes medidas de rehabilitación física e/ou cognitiva en persoas maiores con dano cerebral sen acceso a medios telemáticos. Nestes casos o illamento pode provocar que estas persoas non reciban estimulación de ningún tipo polo que o deterioro cognitivo e motórico resultante vai ser grave.

7. Complementar a medida anterior coa cesión temporal de medios técnicos (wifi, teléfonos móbiles, tablets…) que permitan a teleasistencia daquelas persoas con dano cerebral illadas sen familiares e sen acceso a medios telemáticos.

8. Garantir aos Centros Residenciais e Centros de Atención Diúrna o fornecemento de EPIs, de material de desinfección e de medicación habitual ou puntual das persoas usuarias. Realizarase en instalacións do Movemento Asociativo do Dano Cerebral cando o Goberno o permita e na contorna domiciliaria cando sexa preciso para persoas con dano cerebral.

9. Elaborar protocolos claros de actuación en caso de contaxio que teñan en conta o manexo das persoas con alteracións de conduta.

10. Garantir o dereito á vida e á saúde das persoas con dano cerebral. Promulgar o achegamento ao colectivo en igualdade de condicións e baixo a premisa de non discriminación por razón de discapacidade; ser parte dos colectivos prioritarios en atención e seguimento sanitario.

11. Creación dunha bolsa de traballadoras e traballadores do ámbito social para a eventual substitución de profesionais en situación de corentena.

12. Xerar mecanismos de apoio aos Centros de Atención ao Dano Cerebral e ás persoas que traballan neles para non poñer en perigo de viabilidade a saúde das persoas con dano cerebral e das súas familias, nin tampouco prexudicar aos equipos profesionais que as atenden.

13. Prestar servizos de compra, limpeza e apoio en atención domiciliaria ás persoas con dano cerebral de maior risco.

14. As prestacións transitorias da Seguridade Social destinadas a nais e pais que deben permanecer no seu domicilio ao coidado das súas fillas e fillos polo peche dos colexios deben estenderse ás familias de persoas adultas con discapacidade afectadas polo peche dos centros de atención á discapacidade.

15. Perante o uso de hoteis como espazos sanitarios onde atender a persoas con COVID-19, sinalar que a accesibilidade destes lugares debería ser un criterio a ter en conta para atender a persoas con dano cerebral nos mesmos.

En canto á situación das Entidades Sociais do Movemento Asociativo de Persoas con Dano Cerebral e as súas Familias, demostraron e están demostrando durante esta crise ser un soporte fundamental para as persoas con dano cerebral e para as súas coidadoras. Por iso faise imprescindible asegurar a súa continuidade como tecido social. Neste sentido é fundamental asegurar o seu financiamento adecuado, adoptando as seguintes medidas:

16. Manter o importe íntegro dos concertos sen reducións pese á non utilización de prazas por situacións alleas ás entidades e derivadas do estrito cumprimento das instrucións derivadas do actual estado de alarma e outras ditadas polas autoridades territoriais.

17. Crear liñas de axudas para entidades que prestan servizos non concertados para manter a atención unha vez superado o estado de alarma, mitigando o impacto dos ERTEs e doutras situacións derivadas da actual crise.

18. Modificar as condicións das axudas concedidas facilitando a ampliación de prazos de execución, a revisión de obxectivos e a admisión como gastos financiables de cancelacións e outros causados por esta situación.

19. Dotar de financiamento o desenvolvemento de servizos de atención domiciliaria cos que prestar apoio e respiro ás familias de persoas con dano cerebral que permanecen confinadas.

20. Compromiso político co Movemento Asociativo de Dano Cerebral, tanto no contexto actual como unha vez que finalice o Estado de Alarma.

Ao longo da crise do COVID-19, o Movemento Asociativo de Dano Cerebral artellado en torno a FEGADACE -e a FEDACE a nivel estatal- traballou e seguirá traballando xunto ao Goberno e as súas Administracións para aportar solucións que axuden a superar esta pandemia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.