Feijoo na punta da língua. Por @DulceCorcu

Anda o presidente do noso país espallando a súa sabedoría científica sobre o Covid_19 alí onde lle poñan un micro ou unha peana, caso da RTVG día si e día tamén. Alberto Núñez Feijoo xa é máis milagreiro que San Andrés de Teixido, e na España non acreditan nese poderío multiplicador de curados que de repente converteu Galicia case nun balneario. Que había máis dun cento de finados en residencias dos que esquecera dar conta só son erros que hai que comprender e asumir, sen achacar a mala fe ningunha. Algo que sería absolutamente impropio do presidente da Xunta e do que ninguén o ve capaz, claro que non.

Pero aparte desa capacidade multiplicadora que envexarían os convidados ás vodas de Caná, outra das cousas que mudou Feijoo á hora de dirixirse á cidadanía é a língua. Se ben antes empregaba o galego con asiduidade nas súas comparecencias nos medios públicos, coma lóxicamente corresponde, agora iso xa non é así en maneira algunha. Cada vez que o presidente fai unha intervención, o seu idioma é o castelán, sendo o seu descurso subtitulado ao galego que podemos ir lendo na parte baixa do televisor, nun absurdo intento de contentar a eses malvados nacionalistas que sabe, irremediablemente, que protestarán polas alocucións na língua do Imperio e non na propia. Non huobo ningunha explicación de por que Feijoo non pode falar galego na Galega, coma se cada vez que se dirixise aos paisanos pensase que segue estando nas xuntanzas de presidentes cos seus homónimos españois, e non vaia quedar sen que o entendan. Tamén cabe a posibilidade de que considere que se volvíu persoa de interese estatal e mundial, e a súa mensaxe teña que ser nunha língua que o achegue a ese gran universo sen que se desperdicie verba algunha.
Núñez Feijoo nunca amosou afecto nin amor algún pola língua galega, nin se molestou  en falala, cando non lle quedaba máis remedio, cun mínimo rigor. Sempre falto de vocabulario, de argallar as frases ou de colocar pronomes. O desleixo sempre foi evidente. Agora, ademais, é diario. Se aínda somos galegos e por obra e graza do idioma pero, coma Feijoo non pasou das lecturas dos “Poemas Gallegos” de Rosalía de Castro, el a Castelao nunca o tivo na punta da língua.
FOTO: TVG

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

4 × cinco =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.