Gómez Reino reivindica a CRTVG como servizo público para que deixe de ser unha “máquina de propaganda ao servizo de Feijóo

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, defendeu hoxe a necesidade de que a Xunta deixe de manipular os medios públicos galegos en favor dos intereses electorais do Partido Popular, do Goberno da Xunta e do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, e reclamou unha Corporación da Radio Televisión de Galicia (CRTVG) autónoma, independente e rigorosa que cumpra a súa función de informar con neutralidade e pluralidade á cidadanía galega.
“Hoxe cúmprense 100 venres negros nos que os traballadores da CRTVG levan manifestándose desde hai máis de dous anos pola liberdade de expresión, contra a manipulación informativa e contra as represalias que sofren as compañeiras e compañeiros que se opoñen a esa maquinaria de propaganda que o Goberno galego ten querido construír cos medios públicos galegos”, dixo.
O voceiro da coalición puxo como exemplo “o silencio informativo” decretado pola CRTVG fronte ás denuncias de Galicia en Común sobre o retraso no cobro da prestación de desemprego que están a padecer miles de traballadoras afectadas por expedientes de regulación temporal, cuxa tramitación corresponde á Xunta e que veñen de ser adiados por decisión do Goberno galego.
“O tratamento dese asunto na Televisión de Galicia foi cero minutos. Por que non teñen dereito os galegos e as galegas a dispoñer desa información para formarse unha opinión sobre asuntos esenciais que lles afectan?”, inquiriu.
Gómez Reino subliñou que a crise sanitaria e a emerxencia social derivada da epidemia de Covid-19 teñen posto de relevancia, máis que nunca, a necesidade de contar “con medios de comunicación autónomos, veraces e independentes”.
“Saímos todas as tardes a aplaudir a sanitarios, transportistas, policías produtores e distribuidores de alimentos… pero tamén aos xornalistas e ás xornalistas, que están cumprindo unha función esencial e que están a defender dereitos esenciais” da cidadanía”, engadía o voceiro.
“Hai que dicilo”, remarcou, “a liberdade de expresión non pertence a ningún Goberno, a ningún partido, a ningún editor nin a ningún grupo de comunicación. Pertence ao conxunto da cidadanía. Unha televisión pública non ten que ser nin de esquerdas nin de dereitas, nin do Goberno nin da oposición. Ten que ser un servizo público ao servizo da cidadanía”.
Finalmente, o voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas manifestou o apoio da coalición aos profesionais do sector dos medios de comunicación, “que tamén están arriscando a súa saúde saíndo as rúas e o día a día coas súas familias para manternos informados”.

En particular, Gómez Reino quixo manifestar a súa solidariedade cos traballadores de empresas xornalísticas galegas que están a padecer expedientes de regulación de emprego ou situacións laborais difíciles, como os do Faro de Vigo, La Opinión, El Progreso, El Correo Gallego y La Voz de Galicia, entre outros.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

once + diez =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.