Incrementadas nun 65% as horas de prestación do Servizo de Axuda no Fogar en Lugo

Súmanse 10.027 novas horas mensuais ás que tiña asignadas o municipio para o coidado a domicilio das persoas con necesidades asistenciais

A Xunta de Galicia reforzou o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do concello de Lugo con 10.027 horas máis ao mes para a atención das persoas con necesidades asistenciais, o que supón un incremento do 64,7%.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Política Social financia estas horas extraordinarias para poder atender a máis persoas que podan precisar deste servizo a raíz da situación xerada pola pandemia do coronavirus.

A medida estenderase durante o tempo que dure a situación de emerxencia sanitaria e de estado de alarma. Terán prioridade os casos máis urxentes detectados polo Programa de Asignación de Recursos, así como as persoas usuarias de centro de día, servizo que desde a declaración de emerxencia sanitaria permanece pechado. Así mesmo, tamén se terán en conta aquelas persoas cunha solicitude de dependencia rexistrada e pendente de ser valorada.

As novas horas de axuda no fogar poranse á disposición de todos os concellos galegos para os casos que sexan considerados máis urxentes polo servizos sociais municipais, O Goberno galego asumirá o importe íntegro desta nova prestación, que non suporá gasto para o usuario, destinando para elo un investimento de 6 millóns de euros ao mes no conxunto da comunidade.

Plan de continxencia

A implantación deste SAF extraordinario é unha das medidas que forman parte do Plan social de continxencia aprobado polo Consello da Xunta para dar resposta ás consecuencias que ten a emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus nos colectivos de poboación máis vulnerables, como é o caso das persoas dependentes.

Dentro deste Plan inclúense outras medidas. A primeira consistiu na posta en marcha, desde a semana pasada, dun sistema de seguimento telefónico diario para as 14.400 persoas maiores ou con discapacidade que son usuarias dun centro de día ou ocupacional e que nestes momentos están nas súas casas debido á suspensión da actividade nestes centros. Ademais, ás persoas que o necesitan repárteselle 900 menús semanais nos seus domicilios.

A segunda medida foi a entrada en servizo do teléfono social (900 400 800) para complementar o que xa existe para resolver as dúbidas relacionadas co coronavirus. Neste teléfono aténdese a persoas con dúbidas básicas da vida cotiá nesta situación, persoas que necesiten conversa ou acompañamento, persoas que precisen atención psicolóxica especializada e persoas que estean nunha situación de necesidade ou especial vulnerabilidade.

A terceira das medidas é a posta en marcha dun correo electrónico para a detección rápida de situacións de risco, atencionsocialemerxencia@xunta.gal, e para resolvelas da man cos servizos sociais de base. En cuarto lugar, conxuntamente coa Consellería de Educación, o Goberno galego aprobou unha axuda económica para as nenas e nenos que dispuñan dunha bolsa de comedor na súa escola infantil, colexio ou instituto, das que se beneficiarán máis de 51.000 fogares galegos.

Así mesmo, fíxose unha exención das cotas das escolas infantís, centros de día e ocupacionais con financiamento público (públicos, de iniciativa social e concertados) para a metade do mes de marzo, que serán compensados, e todo o mes de abril, que non se cobrarán. E por último, aprobouse a maior orde de axudas da historia de Galicia destinada ás entidades sociais de inclusión social, por un importe de 18,3 millóns de euros.

Foto: Freepik

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cuatro × dos =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.