InvestiGal reclama unha solución á situación dos contratos temporais do persoal de investigación en Galicia na crise do COVID-19

InvestiGal reclama ás axencias galegas de financiamento, universidades  e entidades empregadoras unha solución común para a extensión dos contratos do persoal investigador por causa da crise sanitaria do COVID-19.

InvestiGal, Rede Galega pola Investigación, constituíuse o pasado 29 de febreiro en Santiago de Compostela co obxectivo de agrupar a vontade e ser a expresión do colectivo de persoal investigador de Galicia en todos os seus ámbitos[1]. Dentro da situación excepcional pola que está a atravesar toda a sociedade, a investigación estase mostrando como o piar fundamental que é para garantir o benestar, progreso, convivencia e reflexión crítica das persoas que a compoñen. Precisamente por este motivo, manifestamos o seguinte respecto do persoal investigador con contratación de duración determinada.

O peche dos centros de traballo onde habitualmente realizamos o noso labor impide as tarefas presenciais obxecto dos nosos contratos (elaboración de teses doutorais, desenvolvemento de proxectos de investigación, tarefas de xestión e mesmo docencia). Así, todas as investigacións están detidas ou seriamente ralentizadas. O persoal con responsabilidade docente continúa coa súa actividade de forma telemática malia as limitacións técnicas e operativas. Asemade, ao igual que lle sucede ao resto da poboación, a situación de confinamento leva consigo ocupacións inescusables relativas a coidados de menores ou persoas dependentes que impiden de facto a continuidade intelectual do labor investigador non presencial.

Para facer fronte a esta situación excepcional, o Real Decreto Lei 11/2020 contempla, na súa disposición adicional decimoterceira[2], a posibilidade de prórroga dos contratos do persoal investigador. InvestiGal valora de forma positiva o fondo das medidas establecidas no RD, pero observamos con preocupación como a aplicación destas medidas están orientadas a unha parte do persoal investigador. En primeiro lugar, afecta só ao persoal financiado por programas públicos estatais. Isto deixa no limbo a aquelas outras investigadoras e investigadores contratados a cargo de programas autonómicos, propios de universidades ou de fundacións públicas. En segundo, esta medida tense contemplado únicamente no caso de persoal que finaliza o seu contrato no ano vixente. Esta medida establece un agravio comparativo para as restantes investigadoras e investigadores, que tamén están vendo interrompido e mesmo paralizado o desenvolvemento natural das súas actividades de investigación.

Debido a que a situación de confinamento e a imposibilidade de acceso aos lugares de traballo afecta a todo o persoal investigador, InvestiGal fai un chamamento á Consellería de Educación, Organismos Públicos de Investigación (OPIs), Fundacións, Reitorías e Vicerreitorías competentes para que, no exercicio das súas competencias e autonomía: 1) realicen unha lectura integradora das indicacións emanadas desde os Ministerios e 2) fagan valer perante as instancias correspondentes a noción de que todo o persoal investigador que presta servizo nas súas entidades debe ser arroupado, sen exclusións de convocatorias, anos, ou tipos contractuais. Consideramos que as prórrogas que se establezan deben comprender a todo o persoal investigador, sen exclusións.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.