Máis de 7.200 mascarillas e 14.000 guantes chegarán á cidade de Lugo esta semana

No conxunto das sete cidades repartiranse 63.000 mascarillas e 122.000 guantes

A Xunta repartirá esta semana máis de 21.300 unidades de material de protección na cidade de Lugo. En total, serán 7.230 mascarillas, 14.000 guantes e 115 traxes. O Goberno galego xa repartiu material de protección no 98% dos concellos galegos e esta semana chegará ao 100% dos municipios cun novo envío ás sete cidades, ás que distribuirá case 190.000 unidades.

Desta forma, as sete cidades recibirán nestes días 63.000 mascarillas, 1.000 traxes e 122.000 guantes. Todo o material distribuirase directamente desde a plataforma loxística que a Xunta vén de poñer en marcha para axilizar o proceso e centralizar a adquisición e o reparto de equipos de protección individual durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria polo coronavirus. Así, levarase o material directamente aos concellos para evitar desprazamentos.
No reparto, priorizouse inicialmente aos concellos pequenos e medianos xa que dispoñen de menos recursos. A Administración autonómica ten previsto que a cifra de unidades de protección adquiridas directamente pola Xunta e repartidas aos concellos ascenda a finais desta semana a 685.000, en concreto, 472.000 guantes, 185.000 mascarillas, 12.000 traxes e 16.000 batas.

Os criterios de reparto están consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e realízanse en base a criterios obxectivos tendo en conta a poboación, o número de casos positivos, o número de efectivos de Policía, o número de voluntarios de Protección Civil, e o número de horas do servizo de axuda no fogar.

Con esta medida,  Goberno galego pretende dotar do equipamento necesario ás entidades locais para que o persoal dos servizos municipais involucrados na loita contra a expansión do coronavirus e que seguen a traballar como é o caso de Protección Civil ou os servizos de axuda no fogar para que conten co material de protección que precisan.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.