Non é país para vellos. Por @DulceCorcu

A desoladora e árida película dos irmáns Coen, ilustra a maldade e o devastador inimigo detrás dos olllos de Javier Bardem, convertido nun asasino despiadado que non aforra tortura e perversión ás súas vítimas, e que leva por diante a quen se lle cruce no camiño, sen ningún tipo de miramento. Só é unha película, pero agora mesmo, na vida real, o noso Anton Chigurh non está a ser un pistoleiro psicópata na ardente Texas, senón un microscópico virus igual de letal, e que tampouco distingue á hora de inocular o seu veleno, pero que ten na franxa de maior idade, nos vellos e vellas, o seu territorio máis propicio.

O coronavirus non respecta a ninguén, pero a altísima taxa de mortos está composta maioritariamente por xente que supera os setenta anos, e que resulta poderosamente virulenta a medida que se vai incrementando a idade de cada paciente. Os centros de día e as residencias de maiores, son parte dese caldo de cultivo que está arrasando coa nosa herdanza devanceira, e en moitos casos abandoados a súa sorte, internados en lúgubres espazos vendidos no seu día ao mellor postor, sen apenas control e onde o negocio impónse á vida, reducida agora máis que nunca a un tráfico interminable de cadáveres, de ringleiras de usuarios enclaustrados en habitacións da morte, morrendo sós e permanecendo por varios días nelas sen que ninguén se dese sequera conta. Ou sí, pero incapaces de facer nada ante tanto horror. Directores e xerentes inútiles, doces monxiñas á fuxida, coidadores e coidadoras vítimas asimesmo do virus, sen medios e impotentes ante a súa propia integridade. Non son lugar para vellos esas residencias de folletos de anuncio, de promesas dunha recta final celestial, de coidados de todo tipo para que nada falte e que ben valen a tarifa mensual a pagar por manter unha vida digna mentres sexa iso: vida.
Por se ese pavoroso final non fose abondo, países tan civilizados a priori coma Holanda, xa advertíu á súa poboación que non se atendería á xente de idade, que priorizar as vidas novas era necesario, porque serán elas as que teñan que soster a economía, sacar adiante o Estado despois deste “tsunami” co que ninguén contaba. Noutros, sinxelamente teñen que elixir, dosificar medios e repartilos nunha macabra conta onde outra vez os maiores saen perdendo. Homes e mulleres que sobreviviron a guerras, a epidemias coma esta ou peores, á fame e miseria, á emigración…para sucumbir agora ante a codicia dun sistema que, visto está, tampouco está feito para vellos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

9 + 11 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.