O CEIP As Forcadas poñerá en marcha o seu proxecto “Aulas Tecnolóxicas” grazas á doazón de 60 tabletas dixitais por EDP Renováveis

O proxecto “Aulas Tecnolóxicas” do CEIP As Forcadas de Corme será posible grazas á colaboración entre a ANPA, a Concellería de Educación do Concello de Ponteceso e a empresa EDP Renováveis, que vén de facer unha doazón de 60 tabletas dixitais de última xeración que permitirán cubrir as necesidades de toda a comunidade escolar

Martín Varela, presidente da ANPA, da que tamén forma parte o concelleiro Miguel González como membro da xunta directiva; a concelleira de Educación, Maite Chouciño, e o alcalde, Lois García Carballido, participaron no salón de sesións do Concello de Ponteceso no acto de recepción dos equipos informáticos que se poñerán a disposición de todo o alumnado do colexio cormelán.

O proxecto “Aulas Tecnolóxicas” xurdiu coa intención de introducir na práctica docente unha serie de ferramentas que están presentes na vida cotiá, pero, ata o momento, non nas aulas. De feito, o CEIP As Forcadas non dispoñía de ningunha tableta, polo que se iniciaron os contactos que finalmente permiten rematar con esa precariedade tecnolóxica.

Dende o colexio de Corme destacan que o uso da tableta aumenta as interaccións do profesorado co alumnado, mellora o clima na aula e incrementa a motivación cara á aprendizaxe. É, ademais, un instrumento que ofrece información multimedia, interactiva e inmediata, favorece a aprendizaxe personalizada, mellora determinadas competencias dos nenos e nenas, favorece o desenvolvemento da autonomía persoal e reforza a creatividade dos escolares e as súas capacidades sensoriais.

O alcalde de Ponteceso agradeceu este novo xesto que reforza o compromiso da empresa EDP Renováveis coa sociedade do noso concello, como xa demostrou días atrás coa achega de 10 ordenadores portátiles para outras tantas familias en situación de vulnerabilidade que carecen dos recursos tecnolóxicos precisos para continuar co curso escolar nos seus fogares.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.