O Comité de Seguridade e Saúde de Marín reúnese para trazar as medidas a tomar de cara á desescalada

600
A alcaldesa, María Ramallo, presidiu onte esta reunión na que se están a deseñar as liñas estratéxicas a seguir para garantir que a volta á normalidade na vida municipal poida realizarse con todas as medidas de hixiene e prevención

O Salón de Plenos do Concello de Marín acolleu onte a reunión presencial, cumprindo con todas as distancias de seguridade e as medidas de hixiene e prevención, do Comité de Seguridade e Saúde.
Nesta ocasión, o comité foi presidido pola alcaldesa, María Ramallo, “dada a situación e as materias a tratar”, enmarcadas na xestión a nivel local da crise sanitaria do coronavirus. Xunto a ela, conformaron o comité os concelleiros delegados das áreas de Urbanismo e de Medio Ambiente, Manuel Santos e Marián Sanmartín, así como unha representación dos traballadores e outra da empresa de prevención, actuando como secretario o técnico de persoal.
O obxectivo principal do comité foi o de avaliar a situación actual respecto do Covid19 no municipio, analizando como está cada un dos servizos municipais neste momento. “Tamén se comezaron a configurar as medidas de seguridade que haberá que poñer en marcha unha vez que vaia volvendo á normalidade o funcionamento de todos os servizos municipais”, adiantou a rexedora.
Tal e como xa se ven informando nas últimas semanas, os servizos públicos considerados esenciais levan traballando desde o comezo do estado de alarma por quendas e con flexibilidade horaria. Así a todo, Ramallo incide en que “existe un alto porcentaxe do persoal de oficinas que está a teletraballar”.
O comité avaliou tamén como terán que ser as medidas de seguridade específicas para as áreas de atención ao público, así como aquelas que terán que cumprir de xeito individual os funcionarios.
De cara ao inicio da actividade municipal habitual, será necesario ademais incorporar medidas de hixiene e seguridade naqueles espazos externos ás dependencias municipais, como a nave da Sacoa.
“O obxectivo é ir trazando todas estas cuestións para estar preparados de cara á reincorporación física ao traballo municipal cando sexa posible e as autoridades así o permitan”, afirmou a alcaldesa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

nueve + 9 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.