O grupo de investigación da Universidade da Coruña que coordina o profesor Alejandro Pazos traballa na busca de fármacos contra a COVID-19

Investigadores da Universidade da Coruña están a traballar en varias liñas relacionadas coa COVID-19, unha delas para atopar fármacos contra a enfermidade. O grupo de investigación RNASA-IMEDIR da Universidade da Coruña, que dirixe o profesor Alejandro Pazos, dispón dun novo sitio web dedicado a COVID-19, https://sites.google.com/view/rnasa-imedir-covid19, con contidos e seccións dinámicas que se actualizan diariamente coa información que se publica en medios oficiais e estudos científicos

Contén diversos apartados que mostran traballos realizados polo grupo e colaboradores sobre análises de datos de pacientes, con gráficos que se actualizan diariamente para mostrar a evolución da enfermidade tanto en Galicia como en España; proxectos de investigación solicitados sobre COVID-19 nas liñas de investigación de Intelixencia Artificial, Docking, etc; así como un apartado con noticias de actualidade sobre este tema, dividido en seccións, que tratan tanto investigación en vacinas e fármacos, como nutrición adecuada a ter en conta ou efectos sobre a  microbiota.

Tamén se facilita información sobre as recomendacións e guías clínicas de distintas sociedades científicas para as diferentes especialidades médicas respecto ao manexo de pacientes. Así mesmo inclúe un espazo, unha ferramenta Open Science (Ciencia aberta) na que se investiga sobre os fármacos para un posible tratamento contra a COVID-109, que coordina o profesor Cristian Robert Munteanu, investigador pertencente ao equipo de RNASA-IMEDIR e que desenvolve o seu labor docente de profesor titular da Universidade da Coruña, no departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da Facultade de Informática. Son varios os membros deste grupo de investigación RNASA-IMEDIR que traballan coordinadamente entre si e con outros investigadores e clínicos na loita contra a COVID-19. Unha das súas últimas achegas é esta ferramenta web gratuíta que propón reposicionamentos de fármacos para a COVID-19.

Segundo explica o profesor Pazos, a comunidade internacional de investigadores e clínicos está a buscar, coa máxima urxencia, un tratamento para a nova enfermidade COVID-19. Atopar unha molécula nova efectiva na devandita enfermidade pode tardar anos (ata 10 anos) e ser moi caro (ata 1.000 millóns de euros). Por iso, o máis conveniente é tentar reutilizar os fármacos que xa están no mercado (reposicionamiento de fármacos ou “drug repurposing”). Fármacos que foron aprobados e comprobada a súa seguridade clínica para ser usados no pasado noutras enfermidades, poderían ser útiles tamén en COVID-19. É moito máis rápido que o proceso normal de descubrimento de fármacos porque xa tiveron estudos previos aprobados para os efectos secundarios(neurotoxicidad,nefrotoxicidad, cardiotoxicidad, hepatotoxicidad, etc.) e, para usarse en COVID-19, só hai que chequear que é eficiente nesta enfermidade cun ensaio clínico moi probablemente non excesivamente complexo nin lento.

Para comprobar se un fármaco é activo contra a COVID-19, débese comprobar se a molécula do fármaco interacciona cos compoñentes moleculares implicados na vida e capacidade patoxénica do SARS- CoV-2 (virus da familia dos coronavirus causante da enfermidade COVID-19): proteínas do virus, proteínas da célula humana que axudan a replicación do virus ou outras proteínas relacionadas cos efectos do virus (proteínas da inflamación sen control e moi grave en diversas partes da economía do organismo humano). No deseño de cada fármaco hai varias fases: comprobar a interacción do posible fármaco con proteínas relacionadas coa enfermidade por medio de cálculos teóricos en computadores (in silico), comprobar a mesma interacción en tubos de ensaio ou placas de Petri (in vitro) e, finalmente, tamén realizar a comprobación en células e animais (in vivo). Ademais é necesario comprobar a toxicidade real e a eficacia nas persoas a través da realización de varios ensaios clínicos, que adoitan ser internacionais e multicéntricos.

Con esa ferramenta web, ponse á disposición dos científicos e clínicos internacionais os resultados dos seus cálculos teóricos para as interaccións dos fármacos do mercado con proteínas do SARS- CoV-2 ou proteínas humanas implicadas en COVID-19. As interaccións entre fármacos e dianas proteicas calcúlanse usando as técnicas do “docking molecular” (axuste de moléculas) buscando como e con que forza interaccionan os candidatos a fármacos coas proteínas diana (a suma de todas as forzas electrostáticas entre os átomos implicados na interacción). Todos os cálculos de docking executáronse na agrupación industrial BioCAI HPC do grupo RNASA- IMEDIR situado nos seus laboratorios do edificio dos Servizos Xerais de investigación da UDC no campus de Elviña e expórtanse na nova ferramenta web cunha frecuencia de 24 horas. Así se están ofrecendo os resultados en tempo real, cun atraso mínimo e sen esperar á súa publicación nunha revista internacional. Así mesmo, espérase achegar información moi útil a calquera outro grupo de investigación ou compañía farmacéutica interesada sobre os posibles fármacos que se poden reutilizar en COVID-19

Esa é a verdadeira filosofía “Open Science”: facer visibles e públicos os resultados de investigación con todos os detalles case en tempo real, con elementos interactivos tipo widgets, con táboas ordenadas pola mellor interacción, con gráficos para visualizar como un fármaco interacciona con máis dianas proteicas (o efecto noutros procesos biolóxicos celulares) e a visualización 3D do complexo formado.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.