O presidente da Deputacion de Lugo envía cartas as Alcaldesas e Alcaldes cualificando de falsas as declaracións do voceiro do PP Javier Jorge Castiñeira

Estimado/a Alcalde/Alcaldesa:

Diante das información falsas que difundiu o Voceiro do Grupo Provincial do Partido Popular, D. Javier Jorge Castiñeira, a través dos medios de comunicación, creando alarma e dúbidas, quero informar a todas as Alcaldesas e Alcaldes do seguinte.

As bases do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2020 establecen que, este ano con carácter excepcional, a cantidade que era obrigatoria dedicar a investimentos, os Concellos poderán dedicala a calquera tipo de acción relacionada coa crise sanitaria do COVID-19.

Polo tanto, queda claro que os Concellos quedan liberados de destinar o 50% do Plan Único a investimentos e poden dedicalo a gastos correntes para desenvolver calquera tipo de iniciativa de interese público, ben sexa social, empresarial, comercial, turística, de emprego, ou de calquera outra índole, que contribúa a superar os efectos da pandemia do coronavirus.

Deste xeito, a Deputación Provincial de Lugo contribúe a que os 67 Concellos da provincia dispoñan de máis recursos económicos para facer fronte ao impacto social e económico provocado pola pandemia.

En concreto, a redacción das bases do Plan Único 2020, aprobadas o pasado día 2 de abril pola Corporación provincial nun Pleno extraordinario celebrado vía telemática, é a seguinte:

“De xeito excepcional, e con motivo da situación de alarma sanitaria decretada polo RD 463/2020, de 14 de marzo, e posterior modificación, exceptúase da obriga de destinar o 50% da achega da Deputación a investimentos a aqueles concellos que lles sexa necesario facer fronte a gastos correntes derivados da situación de alarma e emerxencia sanitaria por mor do coronavirus COVID-19. Non obstante, das cantidades destinadas a investimentos, mantense a obriga do concello de dedicar o 60% da achega provincial ao arranxo e mellora de vías municipais”.

Polo tanto, e só a título de exemplo, os Concellos poden dedicar os fondos do Plan Único á compra de material hixiénico sanitario de protección; á compra ou a axudas para alimentación; a axudas sociais á cidadanía; a axudas a empresas; a axudas de emerxencia social; a accións para reactivar a economía con axudas ao comercio, á hostalería, ao turismo ou a calquera outro sector produtivo; ou á contratación de persoal para desenvolver iniciativas que se impulsen en relación coa pandemia, entre outras accións.

É dicir, grazas á nova liña de gasto que o Goberno da Deputación decidiu introducir no Plan Único deste ano, poderedes impulsar co Plan Único nos vosos municipios calquera tipo de medida, plan ou acción que estea vinculada coa crise do coronavirus co fin de paliar o seu impacto e contribuír á reactivación do tecido social e económico.

A Deputación Provincial de Lugo está respondendo á crise do COVID-19 con iniciativas acordes coa súa función esencial de cooperación cos Concellos, e dentro das súas competencias e cos recursos dos que dispón.

Co Plan Único 2020, cunha dotación total de 21,3 millóns de euros, repartidos con criterios públicos e obxectivos, a Deputación de Lugo pon a disposición dos 67 Concellos de provincia máis de 10,6 millóns de euros para combater a pandemia do COVID-19, o que supón o maior esforzo económico feito polo conxunto das administracións na provincia de Lugo contra esta pandemia.

Espero que esta información sexa de utilidade para o teu Concello e que elimine calquera confusión que puidera xerar o voceiro provincial do Partido Popular coas súas falsas manifestacións.

Atentamente

José Tomé Roca

Presidente da Deputación de Lugo

Carta do presidente de Deputación de Lugo remitida aos Alcaldes e Alcaldesas da provincia

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

15 + 11 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.