Portugal. Por @DulceCorcu

A crise do coronavirus está afectando ao mundo case en xeral e a Europa en particular, onde xa só falamos de cifras e de hipóteses, de probables datas para saír do obrigado pechamento ou de como agora o artículo de luxo xa non é o papel hixiénico, senón a fariña para cocer pan na casa, algo que sen dúbida deixaría atónitas a moitas avoas e bisavoas se poidesen velo. Neste clima a priori inofensivo, onde só podemos agardar e confiar nos expertos, tamén hai tempo para o papel dos políticos, tanto dos que gobernan coma dos que ocupan a oposición. E niso, como en tantas outras cousas, España tamén está a converterse nun exemplo, pero pésimo, do que incluso vén de dar conta a prensa internacional. Que se vai agardar duns políticos que entenden que a súa laboura é actuar coma carroñeiros, con desprezo e falta de empatía coa xente que paga as consecuencias, que nin por asomo se poñen nin un minuto ao servizo da cidadanía. Do cidadán de a pé, enténdase, porque ao servizo do poderoso non deixan de estar nin nos tempos que perigosamente estamos a vivir. Mentras, tan preto e tan lonxe, está Portugal. 

Non son poucos os que veñen de descubrilos. Un país afastado, onde os tópicos sempre os sitúan como non moi espelidos nin avanzados, brutotes e paraíso de bacallau e zonas de turismo para europeos ricos. O goberno portugués é de novo de esquerdas despois das recentes eleccións, tras unha primeira lexislatura onde sobrevivir á “troika” era un obxectivo nada doado, pero que acadaron entre outros moitos. Non estiveron exentos de duras probas, coma os incendios que custaron tantas vidas naquel negro verán de 2017, no que ningún opositor saíu ós camiños con mangueira de xardín e mocasíns a facerse unha foto. Primeiro, apagar as lapas e coidar dos vivos, ocuparse do descanso dos mortos co respecto que merecían e xa, por último, a política. Antonio Costa, Primeiro Ministro, non foi acusado por ningún deputado de ter as mans manchadas de sangue, nin de ser culpábel das vítimas que perderon a vida. Tampouco de ser cómplice dos incendiarios, nin de estar preso polos seus socios comunistas e radicais que só buscan destruír o país para implantar unha ditadura bolivariana e marxista. Portugal enteira mantivo a decencia e a cabeza fría ata chegada a hora de render contas nos parlamentos e nas urnas.
Neste tempo de dramáticas urxencias, tivo que ser tamén Portugal o que lembre aos viciños ricos do Norte que non somos o seu felpudo, que a repunancia rebosa dalgúns gobernantes só interesados en non gastar un euro que non sexa neles mesmos. De repente, moitos españois miraron cara Portugal incrédulos, descoñecedores do que alí acontece porque a prensa patria non dá contas da xestión dun goberno filocomunista onde os éxitos son notorios, pero aquí agóchanse. Non hai que dar ideas. Para pechar o círculo, o descurso de Rui Río, líder da oposición portuguesa, poñendo ó páis por enriba de aspiracións persoais e amosando o seu apoio sen condicións a un goberno que sabe desbordado coma o están todos, pero que entende é momento de soster e non de tombar. Haberá tempo para iso se fose menester. Calquera comparación con España resulta, cando menos, obscena e grotesca.  “Valeu a pena? Tudo vale a pena se a alma nao é pequena”, dicía Pessoa nun dos seus poemas. Coñecía ben aos seus compatriotas. Agora, nós tamén.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

veinte − 6 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.