Tres persoas feridas en accidentes rexistrados en Castro Caldelas, Mondariz e Santa Comba

Unha persoa resultou ferida na madrugada de hoxe despois que o vehículo no que viaxaba saíuse da vía mentres circulaba pola AC-546, á altura do punto quilométrico 14,700

Foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Santa Comba para liberar á persoa do interior do turismo. Unha vez excarcerado, o ferido foi evacuado ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago polos profesionais sanitarios.

O accidente tivo lugar ás 02:45 horas da madrugada de hoxe. A esa hora, os xestores do 112 Galicia recibían o aviso dunha saída de vía no concello coruñés de Santa Comba onde, probablemente, había unha persoa atrapada.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112 Galicia) solicitouse a intervención dos Bombeiros de Santa Comba e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Ata o lugar dos feitos acudiron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e ademais, solicitouse a colaboración do persoal do servizo de mantemento da vía. Desde o 112 Galicia tamén pasouse aviso aos voluntarios de Protección Civil da localidade por se fose necesaria a súa colaboración.

Saída de vía en Mondariz

No concello pontevedrés de Mondariz, outra saída de vía rematou cunha persoa ferida na mañá de hoxe. Desta vez, ás 08:00 horas da mañá de hoxe, varios particulares chamaron ao 112 Galicia para solicitar axuda para os ocupantes dun vehículo que envorcou na PO-262, á altura da parroquia de Vilasabroso.

Segundo a información facilitada aos xestores do 112 polas testemuñas do accidente, o turismo precipitouse por un terraplén de aproximadamente 2 metros de altura.

Axiña, desde o CIAE púxose a situación en coñecemento dos servizos sanitarios, dos Bombeiros do Baixo Miño e dos membros do GES-SPEIS Ponteareas e de Protección Civil de Oitavén-Tea.

Unha vez no lugar do suceso, os servizos de emerxencia confirmaron que os ocupantes do turismo atopábanse liberados e accesibles e un deles foi trasladado ao PAC.

Para garantir as condicións de seguridade na vía, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.

Colisión entre dous vehículos en Castro Caldelas

Por outra banda, unha persoa foi evacuada ao centro hospitalario de referencia tras colidir o vehículo que conducía contra un camión no concello ourensán de Castro Caldelas.

Ás 21:00 horas de onte, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para informar dunha persoa ferida tras un accidente entre un turismo e un vehículo de transporte á altura da parroquia de Sas de Penelas.

Decontado, desde o CIAE solicitouse a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos membros do GES de Castro Caldelas, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e tamén aos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.