Un obradoiro permite iniciarse no cultivo de cogomelos na casa

Dotar aos e ás asistentes das nocións teóricas necesarias para comezar a cultivar cogomelos nos seus domicilios, así como dunha aprendizaxe práctica que lles permita pór a proba estes coñecementos con algunhas das especies de cogomelos cultivables máis comúns. Con esta dobre vertente teórica e práctica, desenvólvese por primeira vez no campus de Pontevedra o obradoiro Cultivo doméstico de cogomelos saprotróficos, no que 14 alumnos e alumnas inícianse nunhas metodoloxías de cultivo que posteriormente poderán reproducir nas súas casas con materiais cotiáns. De feito, o taller que arrincou en febreiro nas aulas e laboratorios da Escola de Enxeñaría Forestal desenvolve, por mor da crise da COVID-19, as súas últimas sesións de forma virtual, con gravacións e propostas de exercicios prácticos que as e os asistentes poden realizar nos seus domicilios.

Inserido na programación de obradoiros de Extensión Universitaria impulsada pola Vicerreitoría do campus para este segundo cuadrimestre, estaba previsto que este obradoiro de 30 horas se desenvolvese nas tardes dos xoves ata mediados de maio, mais a suspensión da actividade académica presencial por mor da expansión da COVID-19 obrigou a mudar o seu calendario e a completar a formación con propostas non presenciais. Dirixido pola profesora da Facultade de Bioloxía María Luisa Castro e coa participación como docentes dos biólogos e impulsores da empresa MycoGalicia Plantae, María Cabaleiro, Hugo Fernández e Andrés Cordeiro, e do tamén biólogo e estudante de posgrao Mauro Rivas, trátase ademais dun obradoiro que xa se desenvolveu no campus de Vigo nos últimos tres anos, “cunha gran aceptación entre o alumnado”.

Nocións teóricas como punto de partida

Abordar “todos os puntos necesarios para iniciar un cultivo desde cero” é o obxectivo da vertente teórica deste obradoiro, que reúne maioritariamente como alumnado a persoal docente e persoas alleas á comunidade universitaria. Xunto con outra serie de cuestións, como o marco legal que regula o cultivo e venda de cogomelos comestibles, o taller fai énfase en aspectos como os “distintos tipos de nutrición dos fungos, que é un aspecto fundamental para entender cales se poden cultivar con maior ou menor facilidade”, explica Fernández. Ese é o caso, por exemplo, do Plerotus ostreatus, un fungo saprotrófico, aqueles que se alimentan “de materia orgánica morta”, e cuxos métodos de cultivo “é doado levalos acabo de modo doméstico”, ao contrario do que acontece con especies como o Boletus edulis, propias de contornas forestais.

“No cultivo de cogomelos é necesario ter en conta varios parámetros e tratamos de que os alumnos aprendan a avalialos todos para optimizar os seus procesos”, engaden os responsables deste taller que, con ese propósito, afonda na importancia do control da humidade, a temperatura, a iluminación ou a limpeza da zona de traballo como “factores decisivos para que un cultivo saia adiante”.

Técnicas reproducibles na casa

Ao longo do taller, as e os participantes puxeron a proba estes coñecementos cultivando os seus propios fungos nos laboratorios da EE Forestal. “As prácticas céntranse en obter micelio dun cogomelo, observar o seu crecemento e sementalo nunha paca de palla e nun tronco de madeira”, explican os responsables do obradoiro, no que as e os asistentes traballan principalmente co Pleurotus ostreatus, o coñecido como o “cogomelo ostra”, unha especie comercial “moi cómoda para iniciarse” no cultivo, dado que crece facilmente tanto en troncos como en pacas, explican. Do mesmo xeito, xunto con outra serie de actividades como prácticas con microscopio, dirixidas a observar as estruturas celulares dos cogomelos, o obradoiro complétase co desenvolvemento por parte do alumnado dun “proxecto de cultivo”, no que, coa idea de espertar a curiosidade das e os participantes, se lles convida a “buscar datos e métodos de cultivo” dalgunha especie do seu interese.

A través destas actividades, búscase que as e os asistentes coñezan procesos que poidan reproducir logo nas súas casas con ferramentas domésticas. “O máis importante é ter clara a teoría e, pouco a pouco, ir collendo práctica para desenvolver os procesos de cultivo e depurar as técnicas”, conclúen os seus impulsores.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.