A firma Disashop dona 41 ordenadores e conexións inalámbricas aos nenos en risco de exclusión dos programas da Fundación Meniños e Benestar Social de Pontevedra

A concelleira Paloma Castro explica que esta doazón tecnolóxica, enmarcada na campaña solidaria #conectandoinfancia, “facilitará a comunicación con familiares e o acceso á educación e ao lecer”

A empresa galega de distribución de produtos tecnolóxicos Disashop doou 41 ordenadores e conexións inalámbricas a nenas e nenos pontevedreses en risco de exclusión social atendidos a través dos programas que a Concellería de Benestar Social desenvolve en colaboración coa Fundación Meniños. Como parte dunha campaña solidaria denominada #conectandoinfancia, a compañía ofrecerá tamén soporte técnico aos rapaces, permitindo que coñezan, entre outros aspectos, os pasos a seguir para realizar unha conexión segura da súa rede.

A edil de Benestar Social, Paloma Castro, agradeceu o compromiso de Disashop “na loita para reducir a brecha educativa a través da educación dixital”, algo que “cobra aínda máis sentido que nunca neste contexto”. Segundo explica a concelleira socialista, as conexións inalámbricas e ordenadores reacondicionados doados “permitirán facilitar a comunicación con familiares e o acceso á educación e ao entretemento das nenas e nenos máis vulnerables de Pontevedra”.

“Colaboracións como esta son de moita axuda para cubrir as necesidades detectadas en numerosas familias -subliña a edil do PSOE-, que se viron gravemente afectadas polo confinamento obrigatorio. Campañas como #conectandoainfancia fomentan a igualdade de oportunidades para que estas nenas e nenos poidan acceder a recursos educativos e continuar a súa formación dende a casa”.

Neste mesmo sentido, Paloma Castro lembrou que o Concello está a coordinar outras iniciativas para reducir ou paliar a brecha educativa na  medida do posible, como o acordo de colaboración que a Concellería de Educación mantén con Cruz Vermella para que os rapaces de Pontevedra que carecen de acceso a internet poidan realizar as tarefas escolares. Grazas a este plan, os alumnos que o precisan teñen á súa disposición unha dotación de tarxetas SIM cedidas pola Fundación Vodafone e un servizo de reparto directo dos ‘deberes’ nos seus domicilios.

Castro critica o “deixamento de funcións” da Xunta

A concelleira de Benestar Social lamentou a “desidia e deixamento de funcións da Xunta de Galicia, que é a administración que debería garantir que ningún rapaz quede sen facer os deberes e que non está a facer nada ao respecto”. “Os datos non mos invento eu -sinala a socialista-, senón que responden ás necesidades detectadas polos Servizos Sociais, as oenegués que, como Cruz Vermella, a Fundación Meniños e a Fundación Secretariado Gitano, traballan día a día sobre o terreo, e ás direccións dos centros educativos. Se Disashop doa 41 ordenadores e conexións inalámbricas é porque había 41 familias que os precisaban”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.