A megafonía da praia de Samil funcionará para recomendar a distancia social

A fase 2 da desescalada e o bo tempo enche as praias viguesas de paseos e bañistas e o Concello de Vigo utilizará esta fin de semana os altofalantes de Samil para advertir da necesaria distancia interpersoal de dous metros. En función do clima, o alcalde non desbotou adiantar a parcelación dos areais prevista para o 15 de xuño

En rolda de prensa por videoconferencia, Abel Caballero informou este xoves do uso da megafonía de Samil para alertar aos usuarios da popular praia viguesa da necesidade de conservar o mínimo de dous metros de distancia social, tanto na area como no paseo.

O calor e a fase dous da desescalada están a levar á cidadanía á costa, polo que o alcalde quixo reiterar a mensaxe de responsabilidade e mantemento das distancias. Vigo ultima hoxe a parte técnica que permita lanzar este fin de semana recomendacións aos bañistas ante o coronavirus.

Para os areais de Samil e do Vao, o Concello elaborou un sistema de cintas con código de cores para dividir o espazo e garantir así a distancia entre os bañistas. Inicialmente previsto para o 15 de xuño, Abel Caballero non desbotou adiantar a súa instalación en parte da praia de Samil se a climatoloxía estival se prolonga.

Sen sancións

Como vén facendo desde o inicio, o alcalde deu conta este xoves da actuación da Policía Local para facer cumprir cos preceptos do estado de alarma. Caballero trasladou que este mércores foi o primeiro día sen sancións desde o decreto estatal de mediados de marzo. Os axentes si comunicaron algunhas advertencias verbais pero que non se traduciron en denuncias. Por exemplo, e relacionado coas recomendacións nas praias, alertaron a un grupo moi numeroso de persoas reunidas no areal de Samil, que se dispersaron ao momento.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.