A ‘Plataforma Lugo de Cara ao Miño’ solicita información sobre a tala e obras que o Clube Fluvial realizou ao pé do río Miño durante o confinamento

Por culpa do coronavirus e como consecuencia dos sucesivos estados de alarma/excepción, os colectivos, Centros Sociais, Plataformas, organizacións veciñais… ficamos na casa, sen actividade ou a medio gas, facendo o que podemos comunicándonos por teléfono ou polas redes… E o certo é que podemos ben pouco polas nosas carencias de sempre, polas nosas dificultades de sempre e pola situación excepcional na que nos atopamos. Por estas cousas que pasan, temos un pouco desatendidas as nosas causas, e a Plataforma Lugo de Cara ao Miño non somos unha excepción. A Plataforma está formada por varios colectivos o que fai aínda máis difícil a nosa coordinación e o noso traballo.

Hoxe decatámonos que no aparcadoiro do Clube Fluvial fixeron unha tala salvaxe das árbores – pradairos -. O Clube Fluvial presume e tenos dito nas ocasións en que tivemos a oportunidade de falar con eles, que son profundamente ecoloxistas e defensores da natureza e do río. O certo é que nós temos algunha dúbida de que sempre sexa así, ou polo menos entendemos ese respecto á natureza de xeito distinto.

Estes días estamos a ver cousas lindas e esperanzadoras; apoio mutuo, traballo abnegado, respecto ao traballo das outras, voluntarismo… Tamén estamos vendo estes días que non todo son aplausos incondicionais, que non todo é obediencia disciplinada, tamén vemos cousas  das que non gostamos nas actuacións policiais e militares, dos chivatos de xanela.

E tamén estamos vendo como institucións públicas e organizacións tanto empresariais como políticas e neste caso deportivo-lúdicas, seguen a traballar e facer o mesmo que facían antes. Por todo isto non nos estraña que o Clube Fluvial talase esas árbores precisamente agora, cando a capacidade de resposta das institucións e de organismos veciñais – como o noso -. é moito máis pequena. Non podemos saber agora se tiña dereito ou non, se a tala é legal ou non, se tiña permiso para facelo ou non, pero sexa como for as árbores xa non están e iso para nós ten toda a pinta de ser un atentado ecolóxico.

Facéndoo público, queremos respostas, queremos que se nos diga cal é o motivo e como se xustifica esa tala, queremos saber quen autorizou iso, xa que as instalacións do Clube Fluvial atópanse en Rede Natura, en zona de afección do Camiño de Santiago e da Ponte Romana.

Que esta situación nas que estamos non sirva de pretexto e coartada para faceren cousas que non se poden facer. Que a xustiza sexa igual para todo o mundo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.