A UDC coordina un proxecto europeo no que se está a elaborar un plan de estudos para a futura materia de IA que se impartirá en Bacharelato

Profesorado e persoal técnico vinculado ao Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) e adscrito tamén ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación (CITIC) da Universidade da Coruña está a coordinar desde o Campus de Ferrol o proxecto europeo de innovación educativa  AI+ Developing an Artificial Intelligence Curriculum adapted to European High School

O obxectivo final deste proxecto é o de elaborar un plan de estudos para unha futura materia de Intelixencia Artificial (IA) adaptado á educación preuniversitaria en Europa ou, o que é o mesmo, para estudantes de Bacharelato. Logo dunha pequena pausa por mor da crise sanitaria da Covid -19, o profesorado e persoal técnico da UDC retoma novamente a actividade para avanzar neste proxecto.

Para poder levar a cabo o proxecto AI+, a Universidade da Coruña conta coa colaboración de seis socios, todos eles seleccionados en base á súa experiencia previa en proxectos europeos Erasmus+ e á súa traxectoria en innovación educativa. Trátase de seis centros de ensino secundario e de bacharelato de cinco países europeos distintos: o 2IIS A-Ruiz (Italia), o Viesoji istaiga Panevezio Profesinio Rengimo Centras (Lituania), o CPI A Xunqueira (Fene, A Coruña, España), o Solski center Velenje (Eslovenia), o Joensuun yhteiskoulun lukio (Finlandia) e o IES David Buján (Cambre, A Coruña, España).

Dada a súa ampla experiencia no eido da investigación e na ensinanza da IA e mais da robótica intelixente será o profesorado e persoal técnico do GII do Campus Industrial quen redacte as unidades didácticas que conformarán o plan de estudos, testee co alumnado dos seis centros implicados eses documentos de traballo e quen tamén redacte o proxecto final para a súa implantación en toda Europa.

Máis de 370.000 euros e tres anos para levalo a cabo

O Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) concedeulle este proxecto de innovación educativa á Universidade da Coruña en decembro do ano pasado. AI+ Developing an Artificial Intelligence Curriculum adapted to European High School ten unha duración de tres anos e conta cun financiamento de 371.512 euros, o maior de todas as concedidas na convocatoria K201 (educación escolar) en 2019.

Desde o GII aseguran que este proxecto constitúe unha grande oportunidade para o Campus de Ferrol, para a UDC e tamén para o sistema educativo galego xa que lles permitirá posicionarse como referente en innovación tecnolóxica en España e Europa. Grazas a esta iniciativa, a UDC liderará a creación dun plan de estudos para unha materia que terá unha gran demanda nos próximos anos en todo o mundo.

A idea de levar a cabo este proxecto xorde do “Plan coordinado sobre o desenvolvemento e uso da Intelixencia Artificial Made in Europe” (2018), un documento da Comisión Europea que insta á creación dun Plan de Intelixencia Artificial en todos os estados membros co obxecto de situar á Unión Europea nunha posición privilexiada nesta revolución tecnolóxica. A partires deste plan, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades publicou en 2019 a “Estratexia Española para I+D+i en Intelixencia Artificial”, un texto no que se incide na necesidade de avanzar na educación preuniversitaria en IA.

Máis información sobre o Proxecto AI+ en http://aiplus.udc.es/

Foto: Profesorado e persoal técnico vinculado ao Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) xunto cos representantes dos seis socios nunha reunión de coordinación que tivo lugar no mes de febreiro na Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.