A USC, entre as universidades españolas con mellor rendemento en I+D+i e taxa de graduados, segundo o Ranking CYD 2020

Patentes, publicacións con impacto internacional e transferencia de coñecemento son outras das fortalezas da USC salientadas pola Fundación CYD no informe no que compara 25 ámbitos de coñecemento de 76 universidades de toda España

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) mantense entre as universidades públicas españolas con mellor taxa de rendemento académico entre os estudantes de grao, así como nos eidos da investigación e transferencia de coñecemento, no que atinxe a concesións de patentes, ingresos por licencias, publicacións interdisciplinares e internacionais, así como en captación e liquidación de fondos, segundo se deprende do Ranking CyD 2020, sobre as universidades españolas que vén de publicar a Fundación Coñecemento e Desenvolvemento.

A nova edición deste informe sobre a realidade universitaria española pretende servir de axuda na toma de decisións de estudantes, universidades e empresas, así como no desenvolvemento das súas propias estratexias de avaliación, a través dunha análise de indicadores fiables na que se recollen datos por comunidades autónomas e universidades. De feito, na elaboración deste estudo está incluídos datos de 76 universidades (48 públicas e 28 privadas) ao tempo que se analizan 2.925 titulacións e os  resultados comparados de 25 ámbitos de coñecemento, dos que a USC presenta taxas de alto rendemento en máis da metade.

O citado traballo, que constitúe unha valiosa fonte de información sobre as características máis salientables do sistema universitario español, sitúa a institución académica compostelá entre as universidades españolas con máis publicacións por profesor con impacto internacional e tamén no grupo de cabeza das institucións con máis investigacións citadas en patentes e entre as que captan máis ingresos por licencias. Estes tres parámetros empregados pola Fundación CyD para a elaboración do seu ránking sobre a universidade española proban o compromiso e o bo facer da USC en canto a transferencia do coñecemento á sociedade se refire.

O eido da investigación é outro dos campos nos que a USC ocupa un lugar preferente no último informe da Fundación CyD, que sitúa a institución académica compostelá no grupo das universidades españolas con mellores rendementos en captación e liquidación de fondos externos para o desenvolvemento de actividades de I+D+i non ligados á transferencias correntes do Goberno ou á media de publicacións por profesor.

Proxección internacional

A proxección e a orientación internacional da USC son outras das características que salienta a Fundación CyD no seu ranking sobre a universidade española, un traballo no que inclúe á de Santiago de Compostela entre as universidades que rexistran un maior número de publicacións de carácter e impacto internacional. O carácter interdisciplinar de boa parte das investigacións e estudos que se desenvolven nos diferentes campus universitarios da USC e mesmo a taxa de estudantes e investigadores estranxeiros que completan o seu doutoramento na institución académica compostelá constitúen outras das fortalezas que a Fundación CyD atribúe á institución académica compostelá, que tamén destaca pola media de sexenios de investigación obtidos polo corpo docente da universidade.

No capítulo correspondente a medir a taxa de éxito nos procesos de ensinanza e aprendizaxe, o caso da USC sitúase no grupo de cabeza das universidades españolas cuxo alumnado que completa titulacións de grao de 240 créditos ECTS. O estudo que cada ano publica a Fundación CYD constitúe unha ferramenta útil para comparar a situación das universidades en función de determinadas dimensións ou parámetros: ensinanza e aprendizaxe, investigación, transferencia de coñecemento, orientación internacional e contribución ao desenvolvemento rexional.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.