A Xunta explica ao sector turístico lucense a folla de ruta para “lograr a súa reactivación e fomentar o emprego”

Máis de 200 profesionais participaron na xornada vía web na que o Goberno autonómico presentou as medidas

A Xunta de Galicia presentou hoxe nunha xornada vía web o Plan de Reactivación do sector turístico fronte ao coronavirus, que contempla medidas transversais orientadas a xerar confianza nos consumidores, recuperar a actividade e afianzar o emprego.

O plan prevé un orzamento de 27 millóns de euros, deles 10,2 millóns de investimento cultural, 11 millóns para o turismo e 5,6 millóns para o Xacobeo, distribuídos en medio cento de iniciativas, das que unha trintena son específicas para o turismo.

A xornada foi seguida por máis de 200 profesionais e contou coa participación do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director do Igape, Juan Cividanes, acompañados polo presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo, Cheché Real.

O delegado territorial lembrou que o escenario anterior á crise sanitaria invitaba a manter  altas expectativas na provincia, baseadas nos bos resultados de 2019 e no efecto do Xacobeo  do 2021, e incidiu na necesidade de adaptarse ao novo contexto para poder aproveitar ambos factores.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro destacou o papel que a provincia de Lugo poderá ter na recuperación turística de Galicia ao contar con recursos como a súa gastronomía ou natureza, claves no novo escenario.

Recordando que gran parte das medidas  previstas entrarán en vigor este mes de maio, indicou que un dos principais obxectivos é facer de Lugo en particular, e de toda Galicia en xeral, un destino seguro que xere confianza entre os futuros turistas e dea garantías tamén aos residentes. Por iso, apoiaranse medidas hixiénico-sanitarias para os establecementos turísticos; reformularase a estratexia de promoción adaptada a este novo contexto sanitario; promoverase un programa de consultoría e asesoramento para as empresas turísticas, fomentarase a formación ao sector e se promoverá o turismo interno e de proximidade.

Impulso ao Ano Santo

O plan prevé, ademais, que o Xacobeo 2021 funcione tamén como estímulo da actividade e do consumo para impulsar ás industrias cultura e turística, algo especialmente importante para a provincia de Lugo, con fonda pegada xacobea.

A aprobación deste plan aliñase coas medidas transversais impulsadas polo Goberno galego para a reactivación da actividade económica tras a crise sanitaria.

Nese sentido, o director do Igape, Juan Cividanes, explicou na súa intervención que a Xunta traballa por minimizar o impacto da crise no conxunto empresarial poñendo en marcha medidas que facilitan a reactivación da actividade de pemes e autónomos, acompañándoos con respostas urxentes que permitan facer fronte ás súas necesidades.

Cividanes destacou que, tanto as novas liñas de axudas como os programas que se están a reforzar inciden en apoiar a liquidez dos colectivos empresariais máis vulnerables e os traballadores e promoven a dixitalización como unha das claves do novo entorno económico, ao tempo que inciden en garantir a confianza e a seguridade dos consumidores.

Entre os programas xa activados atópase a liña de préstamos sen intereses destinados a autónomos e pemes e os anticipos a traballadores afectados por un ERTE.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

1 + diecisiete =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.