Amence, que xa é abondo

Onte o Congreso dos Deputados inauguraba os dez días de loito oficial polo Covid-19, ese virus asasino que chegou para poñernos a vida patas arriba a todos e, peor aínda, para arrebatarlla a infinidade de persoas en todo o mundo. A mellor homenaxe non foi dende logo o espectáculo na casa da que debera emanar a democracia, o diálogo e a representación duns cidadáns que asistimos avergonzados a unha linguaxe e formas por parte da ultradereita -a dereita en si mesma xa non existe- que non se dan actualmente nin nos campos de fútbol nin nas tabernas.

Pero para sumarse a ese instante simbólico, non faltou a familia real nos xardíns do pazo. Loito riguroso nunha vestimenta que incluía ás dúas fillas, apenas adolescentes que vestidas con esa formalidade infundían certo arrepío. Os pés fóra da vista, detrás dos frondosos setos que serviron de incomparable marco. Un día luminoso de radiante ceo azul, altas temperaturas e un cadro lúgubre que lembraba, na traxedia, á “Casa de Bernarda Alba” do nunca suficientemente chorado Lorca, pero tamén á marabillosa comedia de José Luis Cuerda “Amanece, que no es poco”, onde os bancais daban coma froito repoludos mozos que as mozas agardaban con impaciencia. Faltou tempo para que o humor das redes non identificase a foto real coa película, onde pese ó momento que simbolizaba, o resultado convidaba certamente á similitude.

Os reises españois non pode dicirse que loitaran a brazo partido contra o virus, sempre dentro do que atañe as súas posibilidades, obviamente. Escasas aparicións públicas e, sobre todo, o lastre de que todo comezase cando se soubo dos millóns agochados en Suiza de papá, motivo polo cal houbo que defenestralo, con gran dor de corazón, públicamente. Algunha imaxe diante de varias pantallas no seu despacho ao máis puro estilo Pablo Casado, dando a entender que os seus desvelos pola nación seguían intactos. Hai uns días, madrugón mediante, unha visita a Mercamadrid para comprobar “in situ” que é realmente iso de traballar duro. E nada máis ata o minuto de silenzo da familia ao completo, enloitada e circunspecta antes de retirarse a ver unha peli de Star Wars ou de Marvel, momento no que a raíña pon mala cara e tenta afinar os gustos cinéfilos da familia, coa fin de introducir filmes máis intelectuais e “culturetas” como cita textualmente un dos xornais máis influíntes deste país, que adicou unha gran reportaxe a esa durísima laboura de ser rei en tempos de pandemia. Cuerda, lamentablemente, xa non vive para poder comprobar por el mesmo que si amence en España, é de puro milagre.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

16 − 10 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.