As farmacias da provincia de Lugo distribúen mascarillas de balde enviadas pola Xunta para os colectivos máis desfavorecidos

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que se lles entrega un pack con tres mascarillas cirúrxicas. Os solicitantes deben presentar a tarxeta sanitaria para acreditar que teñen dereito a obtelas gratuitamente

As farmacias da provincia de Lugo, ao igual que o conxunto das galegas, continúan esta semana coa distribución das mascarillas facilitadas pola Xunta contra o coronavirus, que se lles entregarán a persoas pertencentes aos colectivos nunha situación máis vulnerable.

O criterio marcado polo Goberno autonómico é que se entregue unha soa vez un único paquete de tres unidades para cada persoa que o solicite e sempre que se cumpra algún dos seguintes requisitos: ou ben ser unha persoa con dereito a gratuidade total do medicamento ou ben ser pensionista que non supere o copagamento mensual de 8,23€. ​

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que nas boticas luguesas xa se están a repartir desde primeira hora do venres a aquelas persoas que as solicitan e cumpren os requisitos -as farmacias poden constatalo comprobando a tarxeta sanitaria-, o que dá dereito a obter de balde un paquete con tres mascarillas cirúrxicas dun só uso, acompañado das correspondentes instrucións sobre cando utilizalas e como facelo de xeito seguro.

Cómpre lembrar que polo momento o uso das máscaras só é obrigatorio no transporte público e as autoridades sanitarias seguen insistindo en que as medidas preventivas máis eficaces son o distanciamento social de alomenos 2 metros, o lavado frecuente das mans, esbirrar contra panos desbotables e non tocar os ollos, a boca ou o nariz. Con todo, tamén recomendan usalas para ir á compra, no coche acompañado ou naqueles espazos nos que sexa complicado manter o distanciamento social.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.