As máquinas quitaneves percorreron máis de 300 quilómetros desinfectando Ferrol e a zona rural

O alcalde, Ángel Mato, solicitou en abril á Subdelegación do Goberno o emprego destes vehículos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a hixienización dos espazos públicos de Ferrol. O próximo mércores, 13 de maio, os dous camións realizarán un novo percorrido polas rúas do municipio co fin de seguir na loita contra a propagación do covid-19

Deste modo, os vehículos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana comezaron a desinfectar as rúas de Ferrol, tanto no centro urbano como do rural, a mediados de abril, e desde entón xa percorreron máis de 300 quilómetros. O concelleiro de Mobilidade, Julián Reina, coordinou coa Demarcación de Estradas do Estado en Galicia a chegada a Ferrol destes camións, con depósitos de 6.000 litros de capacidade.

Próxima saída, o mércores 

Reina, o concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, e responsables da Demarcación de Estradas coordinan e supervisan cada unha das saídas das quitaneves, escoitadas sempre por coches da Policía Local, dos Bombeiros e do Ministerio, que lles abren paso e impiden que se acheguen outros vehículos, para dispersar o axente virucida polos espazos públicos. O mércores, 13 de maio, os dous camións realizarán un novo percorrido polas rúas do municipio co fin de seguir na loita contra a propagación do Covid-19.

Aténdense as suxestións dos veciños

O Concello incorporou ao plan de limpeza e desinfección que executa en rúas e espazos públicos dende o inicio da crise sanitaria as demandas feitas polas asociacións veciñais, despois de que a concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas, solicitara aos ferroláns que informaran dos lugares que consideraban que requirían unha maior hixienización. Ditas demandas están sendo atendidas tamén polas dúas máquinas quitaneves.

Nebulización ata catro metros de altura

Este tipo de camións contan cun dispositivo co que habitualmente esparexen sal para evitar a formación de placas de xeo nas estradas, e que durante esta epidemia de coronavirus está a ser aproveitado para nebulizar líquido desinfectante. Circulando polas vías públicas a arredor de 20 quilómetros por hora, son capaces de hixienizar as superficies horizontais e verticais ata unha altura de 1,5 metros, e incluso alcanzar os 4 metros en determinadas condicións.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *