Balcóns en liña. Por @DulceCorcu

O confinamento tivo que aguzar a imaxinación de moita xente para paliar o aburrimento de tantas horas metidos nas casas, e a estas alturas xa levamos visto de todo, con celebración de festas patronais incluídas, nun alarde de veciñanza que, sen embargo, non está exenta de “augafestas” que non están pola laboura de sacar o espiríto festivo á xanela, nin tampouco de poñer a gravata para asomarse a unha sesión de bingo con altofalantes en máxima potencia. Que llelo digan a un veciño de Cambre, que non dubidou en chamar á Policía despois dunha fin de semana de cantar a berros números e liñas por parte da veciñanza colindante que, por suposto, non botaron conta de que quizais non todo o mundo tiña gañas de participar de tan exquisito e ruidoso entretemento.

Os balcóns foron unha constante da pandemia, un dano colateral que tanto servíu para aliviar o encerro coma para torturar a descoñecidos viandantes a base de insultos e gravacións sen saber exactamente por que estaban na rúa, que tampouco era cousa de preguntar, non foras perder a ocasión de desfogar e sentirte algo importante por un chisco na vida. Alén diso, as sesións musicais con himno nacional incorporado foron outra constante, relegado máis adiante polo himno elixido por aclamación popular, o “Resistiré” que cantaron tanto nos humildes barrios coma nas rúas señoriais, unidos todos polo Dúo Dinámico coma outrora polas vitorias de Nadal ou da selección española. Capítulo aparte merecen os aplausos das oito da noite, agora xa en franco retroceso, pero que supuxeron unha elevación acústica no entorno que probablemente provocou máis dun infarto nos paxaros que oteaban o horizonte dende calquera farola do alumeado público. O que en principio facía graza e convidaba á solidariedade, acaba convertíndose en algo grotesto cando parece fóra de lugar. Tal que así debeu pensar o viciño de Cambre estes días, atónito vendo os balcóns cheos de corpos asomando e gorxas berrando números ao unísono durante toda a fin de semana. Se tiña que haber música, optou por imitar á canción de Carlos Puebla, pedindo que chegase o comandante e mandase parar. Non tardou a Policía en disolver a revolta bingueira, para decepción veciñal…pero para descanso dos “augafestas” que, sinxelamente, queren seguir vivindo cos tímpanos intactos e o balcón de adorno, coma estivo sempre.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

4 × cuatro =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.