Balseiro: “A Xunta anticipouse no combate contra o coronavirus e deu prioridade á atención aos colectivos máis vulnerables”

O delegado territorial traslada á Federación Provincial de Veciños un balance das medidas tomadas no ámbito sanitario, social, económico e educativo

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo unha reunión con directivos da Federación de Asociacións de Veciños “Lucus Augusti” na que fixo balance das medidas adoptadas pola administración autonómica tras a declaración da alerta sanitaria por coronavirus.

Balseiro asegurou que o feito de que o Goberno galego se anticipase na toma de decisións foi un factor determinante para que hoxe Galicia estea en mellor situación que outras comunidades de, España pese ao que insistiu non debe baixarse a garda, e seguir estremando as medidas de precaución.

O delegado afirmou que a prioridade número un foi, ademais do reforzo da atención sanitaria, o coidado dos colectivos máis vulnerables, entre os que citou ás persoas maiores, dependentes, as que se atopan en risco de exclusión social e os traballadores que formaban parte dos servizos esenciais, que permaneceron en activo incluso durante a situación de confinamento.

A primeira administración en proporcionar material de protección

Balseiro lembrou que a Xunta de Galicia foi a primeira administración en reaccionar e proporcionar material de protección aos concellos e á totalidade das residencias da provincia, con independencia da súa titularidade.

A primeira achega de mascarillas, luvas, material desinfectante e outros equipos de protección tivo lugar o 23 de marzo, anticipándose en máis dun mes ás realizadas polo Goberno central ou provincial.

O Goberno galego leva distribuídas 280.000 unidades de protección á totalidade dos concellos lucenses e máis de 500.000 ás residencias de persoas maiores e centros de discapacidade.

Polo que respecta ás labores de desinfección de espazos sensibles, para previr o contaxio de coronavirus, preto dun cento de bombeiros forestais voluntarios realizaron máis de 850 accións diarias nas contornas de centros de saúde e residencia.

Reforzo dos servizos sociais e atención preferentes ás residencias

No ámbito social, o Goberno galego reforzou o servizo de axuda no fogar co reparto extraordinario de 113.000 horas adicionais que, ademais, son gratuítas para os usuarios. As máis de 2.400 traballadoras do SAF atenden a 4.000 usuarios, para o que a Xunta achega 16,5M€ anuais.

Tamén na atención das persoas máis vulnerables o Goberno galego anticipou o pago da renda de integración social (Risga) que só no primeiro cuadrimestre do ano supuxo unha achega de 2,3 millóns de euros para 1.351 beneficiarios.

O Goberno galego tamén completou o barrido de test a usuarios e traballadores das residencias de maiores e, para compensar o distanciamento familiar tras a prohibición das visitas, repartiu 60 teléfonos móbiles e tablets coas que estiveron en contacto cos seus seres queridos. Ademais distribuíronse 50 radios para o tempo de lecer.

Balseiro tamén lembrou que a través do teléfono 112 a Xunta presta un servizo gratuíto de atención psicolóxica, dispoñible ás 24 horas do día, para paliar os efectos psicolóxicos ante a pandemia. E habilitouse o número 900 400 800 no que o servizo de voluntariado realiza apoio e acompañamento telefónico ás persoas que se atopen soas.

Plans de reactivación e apoio aos sectores de maior impacto

No ámbito económico, o Goberno galego anticipouse coa posta en marcha dun plan de apoio ao sectores que maior impacto están a sufrir. Nesa liña puxeron en marcha un plan para garantir a liquidez das empresas, pemes e autónomos, con préstamos a interese cero de entre 3.000 e 200.000 euros e elaborou os plans de reactivación do sector turístico, cultural e do comercio, que inclúen distintas iniciativas de apoio directo.

A Xunta tamén traballou para paliar as consecuencias que o peche dos establecementos de hostalaría e restauración provoca aos profesionais do sector agrario e gandeiro. Nese senso, lembrou a creación do portal Mercaproximidade, unha plataforma que serviu de canle coas grandes empresas de distribución e permitiu dar saída a todo ese excedente alimentario.

Tamén a través deste sistema a Xunta adquiriu diversos produtos como patacas, mel ou queixo, para a súa distribución ao banco de alimentos de Lugo ou a entidades de ámbito social como Cáritas. Outras achegas alimentarias dirixíronse aos hospitais da provincia.

Tamén no ámbito económico, o Goberno galego aprobou un anticipo da prestación por desemprego ao que poden acollerse todos os traballadores que, afectados por un expediente de regulación de emprego temporal, teñan aínda pendente o pago polo Goberno central. A contía anticipada pode chegar aos 1.500 euros.

Facilitar o seguimentos das clases a distancia

No ámbito educativo, para favorecer o seguimento das clases a distancia, o Goberno galego repartiu 1.400 ordenadores e 392 conexións a internet entre as familias con menos recursos e puxo en marcha un servizo de recuperación de libros de texto e material escolar que permanecía nos centros.

Reparto de mascarillas en farmacias

Balseiro aproveitou o encontro para lembrar que a Xunta a través das farmacias galegas está a distribuír 2,2 millóns de mascarillas para a poboación máis vulnerable, persoas con enfermidade crónica, exentas do pago de medicamentos, ou pensionistas cun límite de pago de medicamentos de 8,23 euros.

Mellora da cobertura e dixitalización

Por outra banda, o delegado explicou que vista a importancia crecente do uso de novas tecnoloxías, a Xunta reforzou os recursos dirixidos á dixitalización e mellora das conexións informáticas, cun plan de 5 millóns de euros para a colocación de novas antenas e mellora da cobertura, que se desenvolve en colaboración coa Fegamp.

Finalmente, no día de hoxe a Xunta presentou o Plan para a transformación dixital de pemes e comercio dotado de 23,5 millóns de euros e que inclúe: axudas directas para a dixitalización do tecido empresarial e do comercio de proximidade.

Comparte:

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

2 × 3 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.