Betanzos reformará a praza Paio Formoso, a rúa Mariña e a contorna do Matadoiro

O Concello licitou as obras necesarias para realizar a mellora da urbanización e servizos da praza Paio Formoso e a rúa Mariña ata a rúa Manuel Naveira, situadas na zona de protección do Centro histórico de Betanzos e reorganizar as dúas prazas incluídas no ámbito de actuación e á súa recuperación como espazos destinados ao lecer e descanso da poboación

As obras incluirán a reorganización das dúas prazas, a renovación do pavimento en todo o ámbito, a substitución das actuais canalizacións de recollida de augas residuais, pluviais e abastecemento de auga naqueles tramos que non fosen renovadas e a execución dunha nova iluminación en ambas as prazas. O custo do investimento supera os 237 000 euros.

A alcaldesa, María Barral, explicou que a intención do Concello é recuperar espazos para o uso do cidadanía, e resolver con certo equilibrio a convivencia deste co automóbil, para redefinir tránsitos e limitar o espazo destinado ao estacionamento de vehículos.

Na praza Paio Formoso resérvase para os peóns e peoas o acceso directo fronte ao paseo Antolín Faraldo e desprázase o acceso rodado ao Malecón, fronte ao río. Con isto obtense un espazo protexido do automóbil no que poder colocar bancos e zonas axardinadas e conseguir así espazos íntimos onde poder estar. As árbores definen o perímetro da zona de praza, conseguen sombras e integran os aparcadoiros que se propoñen.

Na praza do edificio Matadoiro, con motivo de realzar edificio e crear, así mesmo, un lugar de uso e estadía, colocarase unha beirarrúa de granito xunto ao peche do matadoiro que disuada de aparcar e permita o paso ao seu lado, e na zona de ensanche, de novo uns bancos, mesas de xadrez e zonas de xardín, con flores e arbustos, que conformen un recuncho onde xogar e convivir.

Na sección de rúa que é obxecto de renovación nas infraestruturas urbanas proponse pavimentar de novo con plataforma única cun carril central de formigón de 2,40 m de ancho e dúas franxas laterais, pegados ás frontes construídas, de granito, que lle proporcione configuración de alfombra, resolva as irregularidades do trazado e ao mesmo tempo permita racionalizar a colocación do conxunto de tapas de rexistro individuais das instalacións, de modo que calquera substitución ou actuación nelas non lle afecte o pavimento continuo do centro da rúa.

Desta forma “as obras previstas no presente proxecto teñen como obxectivo mellorar a urbanización de todo o ámbito de actuación incluído no proxecto e, en especial, a reordenación das dúas prazas e a súa recuperación para o uso da cidadanía que adquire o valor físico, simbólico e social que deben ter as prazas. Físico, polo lugar central que achegan á comunidade de recreación dos nenos e nenas e persoas adultas cos seus xogos e bancos para sentar e gozar coas amizades, simbólico polo que representa para a conformación propia da zona e da cidade e un inmenso valor social xa que conforman un espazo de reunión, de xeración de lazos entre seres humanos de distintas xeracións e costumes, que vale a pena compartir” explicou a primeira edil.

En ambas as prazas as zonas de estadía definidas polas zonas axardinadas e de bancos resaltaranse tamén cun pavimento de laxas de granito silvestre de 6 cm de espesor e a execución dunha nova iluminación pública. No resto da superficie das zonas peonís realizarase un pavimento de formigón lavado.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.