Cadernos da viaxe. Favor libertatis. Por Xoán Antón Pérez-Lema

O Código Penal-CP- de1995 suprimiu a redención de penas polo traballo. Dende entón foron continuas as reformas do CP e da lexislación penitenciaria agravatorias das penas canto á súa duración e e execución. No 2016 estudos moi asisados reflectían un índice de delincuencia inferior nun 27 % á media europea, moi por baixo de Estados tan seguros como Suecia, Dinamarca pou Finlandia. Mais a taxa de encarceramento era a segunda máis alta da Europa (133/100.000 persoas). As penas no Estado español duran un 900% máis ca na Dinamarca e máis do duplo da media da Unión Europea. As penas cumpridas en réxime aberto ou de semiliberdade son só do 17%, cando na media europea atinxen o 27%. Outravolta a MarcaEspaña.

A fins de marzo deste 2020 a comisaria de Dereitos Humanos da ONU, Michelle Bachelet, diante dos gravísimos riscos da pandemia, reclamaba a liberdade das persoas presas idosas, de pouco risco social e as que cumpriran delictos non violentos. Na Administración penitenciaria dependente do Goberno do Estado non se cumpriu este pedimento. Pola contra, a supresión das visitas e dos permisos penitenciarios agravou as condicións de vida das persoas presas.

A mesma Administración penitenciaria do Estado, moitas veces coa colaboración da orde xurisdicional penal e penitencial, deturpan a finalidade constitucional rehabilitadora das penas. A lexislación penitencial sinala que os permisos penitenciarios han ser outorgados dende o cumprimento do 1/4 da pena, mais son algúns os Tribunais (como a Audiencia de Lugo ) que non outorgan estes permisos, malia o cumprimento dos esixentes requisitos legais e concorreren acordos favorábeis unánimes das Xuntas de Tratamento dos cárceres, mesmo até a metade do cumprimento da pena. Moitas son as penas que se cumpren até o derradeiro día en réxime ordinario, sen ningún beneficio penitencial.

A pena limita a liberdade da persoa, mais non pode gravar a súa contorna familiar e persoal. As persoas vencelladas á ETA (inoperativa dende hai nove anos e hoxe fóra da loita violenta), ao movemento independentista galego e máis todas as declaradas culpábeis de calquera delicto haberían cumprir a pena canda a súa familia e residencia. O espallamento das persoas presas é unha ferramenta represiva allea a un réxime penitencial democrático.

Logo está a cuestión das persoas presas políticas vencelladas ao soberanismo catalán. O sdeu caso non ten nada a ver na súa xénese cos casos aquí desenvolvidos. Mais compre falar deles. E absolutamente urxente por razóns humanitarias, políticas e xurídicas rematar coa vergoña do seu encarceramento (que atinxe máis de dous anos e medio nalgúns casos). Botando mán do despenalizamento total ou parcial do delicto de sedición, ausente da meirande parte dos sistemas penais europeos. Ou decidindo un indulto total ou parcial “ad hoc”. Fose como for. Porque a súa situación hoxendía constitúe un escándalo democrático.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

veinte − 19 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.